Domingo, 4 Maio de 2025

A Deputación recibe a petición de 54 concellos da provincia para rehabilitar e sinalizar Patrimonio Histórico Cultural

O departamento dirixido por María Ortega repartirá 400.o0o euros en axudas rexéndose polos principios de solidariedade e equilibrio territorial

As axudas da Deputación para rehabilitar e sinalizar patrimonio histórico cultural na provincia veñen de ser solicitadas por 54 concellos da provincia, quedando unicamente á marxe A Estrada, Illa de Arousa, Meaño, Pazos de Borbén e Pontecesures, que non presentaron proxecto para subvencionar. Nestes momentos as solicitudes están a ser fiscalizadas polo departamento de Intervención, que emitirá ditame para indicar se se axustan ás bases da convocatoria.

O departamento dirixido por María Ortega repartirá 400.000 euros nestas axudas, que se rexen polos principios de solidariedade e equilibrio territorial para permitir levar adiante investimentos e actuacións que non resultarían asumibles para os concellos sen a cooperación económica da Deputación. “Entendemos que a promoción, a información e a accesibilidade aos bens culturais das localidades son básicas en calquera política cultural e turística, e tan fundamental é dar a coñecer a nosa provincia como que as persoas que a visiten poidan acceder facilmente aos bens patrimoniais”, subliña a nacionalista.

Na comarca de Vigo, o concello de Redondela solicitou subvención para a rehabilitación da fonte de Santiago Apóstolo; en Soutomaior pediuse axuda para a reparación de solos e paramentos no centro multiusos de Arcade; Salceda de Caselas priorizou a posta en valor  da contorna da igrexa de Santos Xusto e Pastor na parroquia de Entenza; no Porriño pediuse axuda para a rehabilitación da fonte da María Rosa en Pontellas; Mos pediu subvención para mellorar a cuberta da Casa Consistorial. No Val Miñor, Nigrán pediu financiamento para a restauración da muralla do Castro de Candebrito; Baiona para a recuperación do lavadoiro do río da Maré, na Baíña; e Gondomar para o acondicionamento das instalacións do antigo matadoiro.

No Baixo Miño as axudas destinaranse á recuperación da fonte de Xixolla en A Guarda; ao inventario das igrexas románicas e bens patrimoniais de Tomiño e a súa sinalización; á mellora de sinalización de diversos elementos en Tui; á sinalización das salinas do Aguncheiro en Oia; e á sinalización interpretativa da igrexa de Santa Mariña do Rosal.

No Condado-Paradanta as solicitudes de subvención están destinadas á restauración do lavadoiro da poza das Lavandeiras en Covelo; á recuperación da contorna da fonte dos dous canos, en A Cañiza; á sinalización interpretativa das parroquias de Toutón e Lougares en Mondariz; á sinalización do xacemento paleolítico de Porto Maior, en As Neves; á mellora da pavimentación da contorna da capela de San Pedro en Arbo; á conservación da Casa do Concello de Mondariz-Balneario; á sinalización de catro igrexas, dúas mámoas e na rehabilitación dun cruceiro e unha pía bautismal en Ponteareas; e á sinalización de diverso patrimonio en Salvaterra.

No caso da comarca de Pontevedra, os concellos solicitaron axuda económica para as obras de restauración e posta en valor do lavadoiro da Pedreira en A Lama; a creación dunha ruta interpretativa da arquitectura indiana en Ponte Caldelas;  o proxecto de sinalización da variante espiritual do Camiño Portugués en Poio; a rehabilitación do acceso aos petróglifos de Pedra da Serpe en Campo Lameiro; ou a restauración dunha vivenda e sinalización no castro de Monte de Chan en Barro.

Na comarca do Morrazo, as axudas foron solicitadas polos concellos para a sinalización e divulgación patrimonial das fontes de Marín; para a restauración, sinalización e posta en valor da Torre de Meira en Moaña; para a sinalización de fontes e lavadoiros en Bueu; para a restauración, limpeza e sinalización do peto da Magdalena e a limpeza de diversas estatuas en Cangas; e para a sinalización e reparación de elementos no roteiro das Mámoas en Vilaboa.

No Salnés, priorizáronse a restauración e conservación do hórreo da Gándara, en Meis; a instalación dun rego para a conservación do xardín histórico do parque Vicaño, en Sanxenxo; o deseño e instalación de paneis informativos sobre a torre de San Sadurniño en Cambados; a sinalización do espazo museístico das salgadoiras de punta Moreiras, en O Grove; a rehabilitación e sinalización de patrimonio diverso en Ribadumia; a escavación arqueolóxica no sector sur do castro e mosteiro de Cálago en Vilanova; e as obras de mantemento do edificio da Casa do Concello en Vilagarcía.

Na comarca de Caldas, o concello de Caldas pediu axuda para a rehabilitación da fonte dos Catro Canos; Catoira pediu para sinalización interpretativa no Muíño da Ponte; Portas para restaurar o lavadoiro de San Bieito; Valga para mellorar os accesos aos muíños da fervenza de Parafita; e Moraña para sinalizar tres rutas temáticas e para realizar un inventario de bens patrimoniais.

No Deza-Tabeirós os concellos priorizaron a restauración do peto de ánimas da Inmaculada Concepción en Forcarei; a sinalización e cartelería para a mámoa da Chousa Nova en Silleda; a conservación do cruceiro de San Marcos en Cerdedo-Cotobade; a instalación de paneis nos bens inmobles municipais en Dozón; a posta en valor de áreas recreativas de valor natural e ambiental en Agolada; a posta en valor de diversos elementos arquitectónicos, etnográficos e arqueolóxicos en Rodeiro, Cuntis, Lalín, e Vila de Cruces.

Segundo establecen as bases da convocatoria repartirase un importe fixo de douscentos mil euros de forma lineal entre os concellos da provincia que se acolleron  a estas axudas. A cantidade restante, outros douscentos mil, repartirase entre os concellos de forma proporcional segundo poboación (75%) e superficie (25%). Aos concellos de ata 10.000 habitantes destinaranse 40.000 euros; aos concellos de 10.001 a 20.000 habitantes corresponderanlle 80.000 e aos concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes corresponderanlles os 80.000 euros restantes.