Venres, 4 Xullo de 2025

A Guarda retoma este sábado o mercadillo semanal dos sábados

Farase co 50% dos postos habituais e con todas as medidas sanitarias de distanciamento e prevención ante a Covid-19.

O Concello da Guarda, en virtude das medidas de restrición adoptadas por sanidade fronte ao coronavirus Covid-19 e, trala saída do nivel vermello do municipio a pasada semana, adoptou retomar a actividade do mercadillo semanal dos sábados na Alameda da Guarda cun 50% dos postos habituais a partires deste sábado día 21 de novembro.

O mercadillo quedara suspendido e só se instalaban os postos habituais de froitas e verduras, prantas e embutidos dende o pasado sábado día 24 de outubro ante a evolución da Covid-19.

A día de hoxe o número de casos confirmados na localidade é de entre 14 e 21, estando no nivel 2, segundo os novos casos confirmados por PCR nos derradeiros 7 días.

Temos que recordar que é responsabilidade de todos os veciños e veciñas controlar a situación sanitaria debida á Covid-19. É necesario manter o uso da mascarilla e extremar a hixiene de mans e o mantemento da distancia social. Dende o concello queremos trasladarlle ás familias que reforcen as medidas de precaución cos cativos, prestando especial atención a aparición de febre ou tose.