Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Nigrán aproba por unanimidade do pleno o plan estratéxico de subvencións 2020-2023

Ata o ano 2023 quedan consignadas as habituais axudas a actividades deportivas, culturais, participación veciñal, servicios sociais, educación ou empregabilidade e engádense axudas directas a comunidades de augas e entidades sociais

O Concello de Nigrán aprobou no pleno ordinario deste mes o plan estratéxico de subvencións 2020-2023 co voto a favor de toda a corporación, o que significa que quedarán xa consignadas nos respectivos orzamentos. Tal e como se anunciara, mantéñense iguais as habituais axudas a actividades deportivas, culturais, participación veciñal, servicios sociais, educación (material escolar) ou empregabilidade (becas para o primeiro emprego ou oficina de turismo) e engádense importantes novidades como axudas ás comunidades de augas (10.000 €) ou subvencións directas a varias entidades (CEE Juan María, Menela e Solidariedade Galega co Pobo Saharaui).

“Trátase de fomentar desde o Concello a realización de actividades de utilidade pública ou interese social a través dun plan que mellora a eficacia na asignación de recursos públicos; a experiencia do anterior plan levounos a manter as mesmas axudas incorporando agora aspectos novos e, por vez primeira, liñas directas”, resumíu Juan González, alcalde de Nigrán.

Premios Nigrán

O Pleno do Concello de Nigrán aprobou por unanimidade que a IX Edición dos Premios Nigrán se adique a recoñecer públicamente as iniciativas solidarias contra o Covid-19 no municipio para retomar xa no 2021 o formato habitual coas propostas que xa presentaran en xaneiro a A. V. Camoesa, A.V. Monteferro, Partido Socialista, Racing Vilariño, Fútbol Sala Panxón-Nigrán e OVALMI. Así, o goberno local propuxo celebrar a gala neste mes de outubro e, se é posible, ao aire libre por seguridade sanitaria. As categorías premiadas quedan, polo tanto, así: SOCIAL (Persoal Axuda Domicilio e Traballadores Residencias de maiores de Nigrán), SANITARIO (Persoal Sanitario de Nigrán), EMPRESARIAL (Pequeno comercio – Caixeiras de Supermercados), COMPROMISO (Persoal de Cespa e Aqualia, Policía Local, Garda Civil e Protección Civil), EDUCATIVO (Plataforma Solidaria Didáctica Val Miñor-Voluntarias Colexios), SOLIDARIEDADE (Empresas e persoas doadoras de alimentos e EPIS, incluíndo persoas que elaboraron máscaras artesanais), PREMIO ESPECIAL (Infancia e maiores de Nigrán).

Modificación de crédito

Pola súa banda, o goberno de Nigrán aprobou diversas modificacións de crédito, unha delas correspondente a 61.000 € en total para a instalación de aire acondicionado no Centro Antena (35.000 €) e desinfección extra (26.000 €) por mor do Covid-19 que ten que facer o Concello de Nigrán nos centros educativos. “Son dúas cuestións precisamente competencia da Xunta de Galicia pero que por responsabilidade asumimos desde o Concello, non contabamos con que nin sequera sufragasen o custe de limpeza extra dos colexios e vémonos na obriga de aumentar esa partida ante o escaqueo do goberno autonómico. Pola súa banda, a Xunta obriga a que instalemos aire acondicionado no Centro Antena se queremos seguir ofrecendo formación, así que temos que adquirir a maquinaria sen ningunha colaboración pola súa banda”, explica o alcalde. Finalmente, tamén se aprobou por unanimidade un aumento de 4.727 € para ampliar o custe da construción da cociña do CEIP Humberto Juanes (se suman aos 373.000 euros xa consignados orzamentariamente para esta instalación, actualizándose a cifra a 377.000 €); e 38.759 € para abonar facturas pendentes de 2019 de empresas que as presentaron no 2020. Finalmente, o Concello aprobou coa abstención do PP destinar 168.240 € a implementar partidas orzamentarias nas que de aquí a fin de ano se prevé a necesidade destes cartos (a maioría correspondentes a servizos urbáns) co fin de evitar recoñecementos de crédito.

Competencias da Xunta

O goberno local aprobou dúas emendas a sendas mocións do PP nas que, inicialmente, o grupo popular lle requiría ao Concello que sufragase os gastos de máscaras das diferentes comunidades educativas e, por outro, que asumise a convocatoria de premios á innovación de empresas. Así, o goberno propuxo que ambas cuestións fosen ao cargo da Xunta ao seren da súa competencia, aprobando a primeira coa abstención do PP e a segunda co seu voto en contra. “Están a presentar mocións en contra dos intereses da veciñanza de Nigrán só para defender ao goberno da Xunta, que é a quen lle teñen que requirir que asuma as súas competencias; está claro que non  lles importa prexudicar as arcas municipais ao pretender que sigamos asumindo custes que non nos corresponden”, defendeu o rexedor. Pola súa banda, Marina Vidal, edil de Educación e mestra, sinalou o “abandono” da Xunta das súas responsabilidades: “No Concello estamos desde o minuto 1 da pandemia traballando coas direccións dos centros, apoiando en todo, entregando fotocopias, máscaras transparentes para os mestres de Audición e Linguaxe, asumindo a desinfección extra, mesmo aportamos o Pavillón Municipal para que o IES Val Miñor poida facer Educación Física mentres a Xunta non lles facilita o transporte ao mesmo”, incidíu Vidal, quen recordou ao voceiro do PP que a semana pasada o propio PP votou en contra no Parlamento de fornecer de máscaras ás comunidades educativas.