Sábado, 3 Maio de 2025

A exposición ‘Achegas das Mulleres á sustentabilidade do Mar’ chega á Guarda

Integrada no XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, A Guarda acolle dende este xoves e ata o domingo, 14 de xullo, a mostra itinerante da Deputación “Achegas das Mulleres á sustentabilidade do mar”, unha iniciativa promovida pola institución provincial en colaboración coa Universidade de Vigo para darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño. Así, a mostra poderá visitarse no Pavillón do Patrimonio, Reghiño (porto da Guarda) en horario de 11:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:30 h.

“Achegas as mulleres do mar” chega á Guarda tras o seu paso por múltiples lugares da provincia, ademais tamén de polo campus de Ourense. Así, estivo xa no na lonxa de Cesantes, no Centro Asociado da UNED, no IES Ricardo Mella de Vigo, no auditorio municipal de Cangas, na Sala de Exposicións do Concello do Rosal, nos salóns de plenos de Cambados e de Nigrán, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó en Poio, na Praza de Abastos de Mondariz, no Museo do Mar da Guarda e nos Campus de Vigo e de Pontevedra. De feito, foi neste último campus e da man da directora do proxecto, María Álvarez Lires, onde xurdiu a idea de impulsar unha exposición para darlle visibilidade ao papel da muller e á súa contribución na economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos.

A mostra está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía Aida Fernández. “Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o invisibilizado saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre os futuros profesionais e científicos.