Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda convida a artesáns e asociacións sen ánimo de lucro da comarca a participar nun mercado

Concello abre a inscrición para participar nun pequeno mercado que terá lugar na Praza de Avelino Vicente durante a última fin de semana de agosto e a primeira de setembro

A Concellería de Desenvolvemento Local do Concello da Guarda vén de anunciar a celebración, durante a última fin de semana de agosto e a primeira de setembro, dun mercadiño co que se pretende apoiar ao sector da artesanía, especialmente golpeado durante este verán pola crise sanitaria. Ao mesmo tempo, a iniciativa pretende favorecer ás entidades de acción social que tanta axuda levan prestado durante a pandemia. Paralelamente espérase que o mercado tamén funcione como un atractivo máis, que de vida ás nosas rúas e estimule as compras nos comercios e o consumo na hostalaría da localidade.

A participación no mercado será gratuíta e o Concello proporcionará a cada artesán ou asociación un stand, ata acadar un máximo de 20 postos. Pola súa parte os e as artesás, así como as asociacións deberán comprometerse a manter os postos abertos os venres pola tarde en horario de 17:00 a 20:30, e os sábados e domingos en horario de 10:30 h a 14:00 h e de 17:00 h a 20:30 h, durante as dúas fins de semana.

Os e as profesionais interesados/as, así como as asociacións, deberán presentar as súas solicitudes antes do 24 de agosto ás 14:00 horas a través da dirección de correo electrónico [email protected].

Os artesáns deberán indicar nese correo electrónico os seguintes datos: nome e apelidos, teléfono de contacto, concello no/a que están empadroados/as e descrición dos produtos de artesanía que ofrecen. Así mesmo deberán deixar constancia por escrito nese mesmo correo o seu compromiso para manter aberto o posto durante todo o período de duración do mercado, respectando os horarios do mesmo.

No caso das asociacións deberán indicar: nome da asociación, nome e apelidos da persoa representante da mesma, tipo de produtos que venden e localidade na que ten a súa sede social. Así mesmo deberán tamén comprometerse por escrito a abrir os postos respectando o horario e datas nas que terá lugar o mercado.

Posteriormente poderáselles requirir documentación para verificar os datos que aportan na solicitude.