Domingo, 11 Maio de 2025

EU Son do Porriño presenta unha moción “por un comezo de curso seguro”

O grupo municipal de EU Son no Porriño vén de presentar unha moción para os eu debate plenario que recollen unha serie de puntos que permitirían, ao seu entender, “un comezo de curso seguro” tendo en conta o inminente inicio do curso escolar en Educación Infantil e Primaria, –10 de setembro–, e en Secundaria, –16 de setembro–. Un inicio de curso que, sinala EU Son, está cheo “de novas que enchen de inquedanza á comunidade educativa e especialmente ás familias e o alumnado”.

O certo é que a menos dun mes do inicio do curso, nais e pais, e en moitos casos avós e avoas, non saben con certeza aínda que protocolos se van aplicar, se é que están xa deseñados, ou se a Consellería vai ir decidindo sobre a marcha. Pola súa banda, o profesorado –moito tamén con fillos e fillas en edade escolar– “teme verse afogado entre tarefas burocráticas, desinfección e comprobación de distancias, e facendo de todo menos ensinar”, explica a formación asemblearia.

En todo caso, descoñécese se vai haber alternancia entre clases presenciais e teledocencia. De ser o caso, “isto tería consecuencias en moitos fogares pola xa coñecida fenda dixital, que non deixa de ser un síntoma máis da fenda social. Tamén habería repercusións na conciliación da vida familiar e laboral, cargando de novo e coma sempre máis traballo sobre as mulleres”.

En consecuencia, EU Son pedirá ao Pleno a adopción dunha serie de acordos comezando polo feito de que a Concellería de Educación do Concello do Porriño reúnase coas direccións e ANPAS de todos os centros de ensino do Porriño para recoller as súas inquedanzas, demandas e suxestións para o comezo e desenvolvemento do curso escolar 2020-2021 dun xeito seguro.

Doutra banda, esas achegas, deberán ser trasladadas polo Concello á Consellería de Educación para reclamar “un comezo e desenvolvemento do curso escolar 2020-2021 seguro e que garanta o dereito a unha educación pública e de calidade para todos os nenos e nenas do Porriño e a tranquilidade das súas familias”.

Ao marxe das competencias da Consellería de Educación, EU Son proporá ao Pleno que o Goberno local “manteña unha constante comunicación e coordinación cos centros de ensino, tanto Direccións como ANPAS, para reforzar ao máximo as medidas de control e prevención. Garantir saúde e educación é evitar tamén novos confinamentos e que mermarían aínda máis a economía do Porriño e repercutirían na vida das traballadoras e traballadores”.

Paralelamente, a Concelleira de Educación, en exercicio das súas competencias, “deberá poñer en marcha a constitución do Consello Escolar Municipal, xa solicitado na anterior lexislatura por este grupo municipal”. Hoxe máis que nunca –sinala a portavoz do grupo municipal de EU Son no Porriño, Blanca Francés– “é un instrumento imprescindible para artellar calquera medida encamiñada a acadar no ámbito municipal unha educación universal, pública e de calidade e xa non só na infancia e mocidade senón ao longo de toda a vida”.

Asemade o Concello do Porriño deberá esixir á Consellería de Educación “a construción dun novo centro que substitúa ao actual CEIP Fernández López, que nin cubre as necesidades máis básicas nin reúne as condicións esixidas de seguridade e saúde”.