Venres, 9 Maio de 2025

A Guarda abre as inscricións para a obra de teatro infantil ‘Lázaro de Tormes’

O vindeiro sábado día 18 de xullo o Auditorio de San Benito será o escenario da representación teatral de ‘Lázaro de Tormes’, unha actividade destinada principalmente para nenos e nenas e que terá lugar ás 20:00 h.

Concello fai fincapé na realización de actividades seguras, mantendo as medidas de hixiene e seguridade vixentes en cada momento, establecendo as citas e inscricións previas para evitar aglomeracións, para a obra de teatro ‘Lázaro de Tormes’ é preciso inscribirse no Centro Cultural da Guarda (986 611 850 – [email protected]), haberá un protocolo COVID para garantir a seguridade e a hixiene no recinto, con asentos numerados e separados entre si.

A representación teatral de ‘Lázaro de Tormes‘ corre a cargo da Compañía Pedras de Cartón, que aterran na Guarda este sábado despois de participar no Festival de Teatro Clásico de Almagro.

Pedras de Cartón presenta a historia do Lazarillo de Tormes contada por primeira vez con máscaras e sen palabras. A compañía conta para esta tarefa con profesionáis cunha ampla traxectoria no teatro infantil e xuvenil, da man de Juan Rodríguez, socio fundador de Caramuxo Teatro. Así, Xosé Manuel Esperante, Xosé Vilarelle e Juan Rodríguez abordan dende o escenario e baixo a dirección de Pablo Sánchez e Laura Sarasola, esta coñecida peza da literatura que ademáis forma parte do currículo educativo nas escolas.