Venres, 9 Maio de 2025

O Concello de Baiona vixiará o cumprimento das normas de seguridade sanitaria sobre a COVID-19

“Queremos que Baiona siga sendo un destino turístico de excelencia, pero tamén ofrecer un turismo seguro”, afirma o alcalde Carlos Gómez

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, anunciou que o Concello establecerá medidas de vixilancia “rigorosas” sobre o cumprimento das normas de seguridade sanitaria sobre a COVID-19 e, no caso concreto das reunións de mozos e mozas na fin de semana para realizar ‘botellón’, “a policía local será estrita e procederá a sancionar a aqueles e aquelas que non cumpran normas elementais como o mantemento da distancia interpersoal”.

O alcalde de Baiona subliñou o feito de que as persoas, nestes momentos en que estamos inmersos en plena pandemia “aínda que algúns de xeito irresponsable pensen que xa é unha cousa do pasado”, as persoas non só buscan lugares turísticos fermosos, con servizos, boa gastronomías, paisaxes e historia “algo que en Baiona temos dabondo”, senón tamén buscan “destinos turísticos seguros”.

Baiona explica o rexedor local, “debe dar un paso adiante e seguir sendo un exemplo en excelencia turística, pero ten que poñer todas as medidas ao seu alcance para que sexa un turismo seguro”. Esa seguridade, afirma Carlos Gómez, “será a que permita a recuperación e dinamización do noso comercio e a nosa hostalería”.

Nese sentido, o alcalde baionés, subliñou “a colaboración do sector hostaleiro e comercial no cumprimento das medidas de seguridade” e na mesma liña “a responsabilidade que amosaron a gran maioría das veciñas e veciños durante o confinamento, en circunstancias que non foron doadas e que, porén, constituíron un exemplo de comportamento cívico, responsable e solidario”.

Precisamente por iso,”o Concello de Baiona non pode consentir que unha minoría irresponsable, que ‘pasa’ das normas e das mínimas medidas de prevención, poña en risco a saúde da inmensa maioría que busca adaptarse, o máis rápido posible e da forma máis segura, a esta nova normalidade”.