Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Oia convoca un Pleno extraordinario “con menos quorum” a petición do grupo municipal do PSdeG-PSOE

O Concello de Oia celebrará, a petición do grupo municipal socialista, un Pleno Extraordinario que debido á imposibilidade de facerse por medios telemáticos, dos que o Concello carece, farase con “menos quorum” para permitir que concelleiros e conselleiras poidan gardar as distancias de seguridade marcadas pola situación de pandemia da COVID-19. Asi, nesa sesión extraordinaria só estarán 4 representantes do PP, 2 do PSdeG-PSOE e o concelleiro do BNG.

A Orde do Día a conforman tres puntos sendo o primeiro dar conta das actuacións realizadas polo Concello dende a declaración do estado de alarma.

Piden tamén os socialistas a adopción de medidas de carácter económico destinadas “a reducir a carga impositiva dos nosos veciños tendo en conta que os seus ingresos están significativamente mermados”. En concreto propón o PSOE a redución do IBI, da taxa de residuos sólidos urbanos e a de vehículos de tracción mecánica.

Finalmente, piden o reparto de máscaras de protección e luvas entre toda a poboación neste proceso de desescalada “tendo en conta o acopio de material por parte do Concello e as achegas da Deputación de Pontevedra”.