Venres, 9 Maio de 2025

A Guarda invita á veciñanza a “sacar o investigador que levamos dentro”

O proxecto 'Atopo' convértese nunha magnífica ferramenta para coñecer a historia da Guarda e ocupar de forma interesante este tempo de confinamento

O Concello de A Guarda, en estreita colaboración coa Deputación de Pontevedra, vén desenvolvendo durante os últimos anos un intenso traballo –un “traballo silencioso” o cualifican dende o Goberno local– en favor da conservación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial do municipio. O confinamento obrigado pola crise do COVID-19 é un bo momento para compartir os resultados cos veciños e veciñas e axudar a facer máis doada a situación.

[su_image_carousel source=”media: 13445,13444,13442,13441″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Presenta o Concello guardés, polo tanto, o portal ATOPO, un portal de descubrimento de recursos de información a partir das coleccións e fondos documentais, bibliográficos, cartográficos e audiovisuais do Museo de Pontevedra, do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, dos arquivos municipais e doutras institucións, públicas ou privadas, da provincia de Pontevedra.

Así que, a través dese portal ao que se pode acceder a través deste link, cada veciña e veciño da Guarda pode sacar á luz ese investigador ou investigadora que case todos levamos dentro, e merguarse na historia do municipio. O bo, é que Atopo é un proxecto vivo, en construción, que día tras día incorpora novos rexistros e que neste momento conta con 707.185, con documentación que se pode consultar e, en moitos casos descargar en formato PDF.

Veciñas e veciños poderán consultar, por exemplo, un interesantísimo Expediente de creación da parroquia de Santa Isabel de Camposancos, do ano 1798; ou o Expediente de Real cédula de Carlos II que concedeu a este Municipio privilexios sobre os tributos reais”, de 1669. As imaxes tamén teñen o seu espazo e así a veciñanza poderá aoptar fotografías antigas da Guarda que datan de 1870 en adiante e que foron cedidas por particulares, aos que o Concello guardés dalles as grazas unha vez máis pola súa colaboración. Así que, neste tempo de “parón” obrigado, o mellor é coller asento e rebuscar en preto de 1.500 fotografías relacionadas coa Guarda.

Lembra que neste metabuscador ATOPO, non so aparecen documentos referidos ao concello de A Guarda (s. XVII-actualidade). As persoas que teñan calquera dúbida ou precisen máis información, poden escribir ao enderezo de correo electrónico [email protected]