Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Mos manifesta a súa “pública repulsa” polo concerto dun dos cantantes de trap “con letras máis machistas”

Coincidindo co Mes da Muller e coa celebración do 8 de marzo, o vindeiro domingo, o executivo local emitiu un comunicado oficial rexeitando o espectáculo de Kidd Keo

O Concello de Mos “en consenso e co asesoramento das técnicas e técnicos do Centro de Información á Muller, vén de facer público o seu rexeitamento e a súa pública repulsa polo vindeiro concerto de inicio da xira ‘The Rockport Tour’, do cantante de trap, Kidd Keo nun local do municipio. Dito rexeitamento vén dado, sinala o Concello, polo feito de que “as letras deste cantante caracterízanse polos contidos e as expresións machistas, con comentarios denigrantes, despectivos e vexatorios sobre a muller”.

O Concello de Mos subliña a súa oposición e “rotunda repulsa” ante a celebración deste tipo de concertos, e máxime, sinalan a alcaldesa Nidia Arévalo e a concelleira de Igualdade, Sara Cebreiro “cando nos atopamos concretamente no mes de marzo, o Mes da Muller, xa que o vindeiro domingo 8 celébrase o Día Internacional da Muller”.

O concerto de Kidd Keo está programado para o próximo 3 de abril ás 23:59 horas “contando ademais cunha zona de menores de entre 14 e 17 anos que poden acceder sen autorización”.

A administración local mosense conclúe o seu comunicado insistindo en que, entre os seus principais obxectivos durante todo o ano, e en especial en datas como as actuais, “atópase o fomento dos valores da igualdade entre homes e mulleres e da prevención da violencia de xénero, así como inculcalos desde a infancia e a adolescencia mediante o desenvolvemento de diferentes accións e políticas sociais en centros educativos mosenses, como os colexios de Educación Primaria e o Instituto”.

“Actividades como este concerto –sinala o comunicado do Concello de Mos– son todo o contrario ao que queremos ensinar aos nosos nenos e nenas e mozas e mozos, precisamente o que queremos é evitar este tipo de mensaxes sexistas, dominantes e ofensivos, e promover a igualdade real de oportunidades, a tolerancia e o respecto mutuos entre homes e mulleres; é por elo que non podemos senón que manifestarnos en contra e facer pública a nosa repulsa como institución a través deste comunicado”, sentenciaron Cebreiro e Arévalo.