A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada por concelleiros e concelleiras do equipo de Goberno e da Corporación Municipal, visitou na mañá de hoxe as recen estreadas dependencias dos Servizos Sociais e do Centro de Información á Muller (CIM) situadas nos baixos dun imoble da rúa 8 de Marzo. O traslado destes dous servizos que atenden aos sectores máis vulnerables da cidadanía, sinalou a alcaldesa no acto de inauguración das dependencias, “era un dos compromisos deste Goberno coas veciñas e veciños”.
A posta en marcha destas novas dependencias, lembrou Rivas, “estaba prevista para moito antes pero, como en todo, a pandemia da COVID-19 fixo preciso adiar esa posta en marcha”. Agora, sinalou a alcaldesa redondelá, “as persoas usuarias e as traballadoras e traballadores do servizo, dispoñen dun local amplio, totalmente accesible e que garante a privacidade, elemento fundamental nun tema tan sensible como os servizos sociais ou o Centro de Información á Muller”.
As novas instalacións, de 350 metros cadrados, son totalmente accesibles, amplas e modernas, contan cun total de 8 despachos, sala de reunións, catro aseos, –dous deles accesibles–, sala de arquivos ademáis de dependencias auxiliares e zonas comúns.
[su_image_carousel source=”media: 17962,17970,17969,17968,17967,17966,17965,17964,17963″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Ámbolos dous servizos estarán en condicións de ofrecer un servizo de calidade á cidadania e, ao mesmo tempo, unhas condicións axeitadas para as traballadoreas, algo que non se daba nas antigas dependencias da rúa Isidoro Queimaliños onde compartían espazo con outros servizos municipais e que non garantían a privacidade imprescindible para as persoas usuarias.
As dependencias contan, amais, con todos os medios de prevención sanitaria que se poden esixir fronte á pandemia da COVID-19, con espazo nos que se pode manter a distancia interpersoal, pantallas protectoras para as traballadoras do servizo, dispensadores de hidroxel e alfombras desinfectantes nos accesos.
A alcaldesa Digna Rivas subliñou “o importante avance que supuña esta instalación para a prestación duns servizos sociais axeitados” e adiantou a disposición do seu goberno de poñer en marcha “todas as medidas necesarias” que contribúan ao benestar da veciñanza “e a mellora da calidade de vida da cidadanía”.