O goberno de Ponteareas (BNG-PSOE) presentou onte ás asociacións e colectivos da vila o proxecto do primeiro Centro Cívico de Ponteareas que ofrecerá máis de 900m2 para servizos de alta demanda e espazos para mocidade, infancia, asociacións e colectivos e para a realización de obradoiros, cursos ou exposicións. “O primeiro edificio público destas características en Ponteareas posibilitará o encontro da cidadanía e apoiará o asociacionismo con espazos versátiles e flexíbeis”, explicou a alcaldesa Cristina Fernández Davila na presentación da reunión.
No encontro o concelleiro de Participación Cidadá e primeiro tenente de alcalde, Roberto Mera, suliñou a importancia deste novo servizo público que resolve unha forte demanda da cidadanía que non dispuña de salas para o desenvolvemento diario da súa actividade. “O novo edificio permitirá dispor de espazos para servizos públicos ou actividades sociais actualmente inexistentes. Espazos confortables dotados de tecnoloxía nos que manter reunións e poder realizar obradoiros e cursos, entre outros usos. Do mesmo xeito que no rural as Casas Culturais acollen a súa vida social e cultural das parroquias, o novo Centro Cívico atenderá esa demanda no centro urbano.”
Ubicado no número 39 da Praza Maior, a reforma cofinanciarase nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do programa EDUSI “Ponteareas, Hábitat Saudable”, e nun 20% polo Concello de Ponteareas.

“
Espazos para a mocidade, salas de reunións para asociacións e colectivos, espazos para obradoiros e cursos, servizo de atención temperá e unha oficiña de información son algunhas das claves deste novo espazo público
O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, describíu o espazo adicado á mocidade como “un espazo activo e permanente, flexible e de amplo horario no que a mocidade poderá gozar non só de actividades dirixidas se non tamén dun espazo para desfrute individual e colectivo”.
Goberno, técnicos e colectivos repasaron o deseño interior do Centro Cívico para maximizar as posibilidades deste novo ben municipal e configurar espazos dinámicos capaces de adaptarse ás necesidades diarias dos e das usuarios/as.
O público asistente recoñeceu a histórica necesidade dun espazo, achegou opinións e suxestións respecto ao proxecto de rehabilitación do edificio e amosou gañas de participar na futura xestión do Centro Cívico comprometéndose o goberno a celebrar novos encontros nos que concretar o módelo de xestión.
Unha oficiña de atención á cidadanía, unha sala de exposicións tanto fixas como temporais, salas para proxeccións e para actividades formativas, salas de reunións, servizo de atención temperá e espazos que contribúan á conciliación familiar e laboral son algúns dos usos que acollerá.
Ademais, “con este novo proxecto, o goberno local fomentará tamén a presenza de persoas na Praza Maior favorecendo a revitalización urbana e comercial da contorna e contribuíndo á dinamización do casco vello, tanto da propia Praza Maior como das rúas que conectan peonilmente con esta: Oriente, Esperanza, República Arxentina, e outras da zona mais antiga do núcleo”, sinalou a tenenta de alcaldesa Chus Garrote.
“Este edificio municipal súmase aos dous andares adquiridos no edificio da Seguridade Social, tamén na Praza Maior, e a novos espazos nos que o goberno xa traballa para dar resposta ás carencias históricas que agora, grazas á recuperación económica do Concello realizada dende 2015 permite incrementar o patrimonio municipal beneficiando á veciñanza con servizos máis amplos e de calidade”., sinalou a Alcaldesa Cristina Fernández.
Novamente a través de procesos participativos recolléronse ideas e demandas que darán vida a esta propiedade ubicada nunha parcela de 341 m2 do nº 39 da Praza Maior.