Luns, 9 Decembro de 2024

En Ponteareas o tempo de comedor será tamén para “aprender xogando”

A tenente de alcalde e concelleira de Ensino, Cristina Fernández, reuníuse no día de onte coas familias usuarias do comedor e con representantes da Asociación de Nais e Pais do CEIP Fermín Bouza Brey para presentarlles o novo proxecto do servizo do comedor escolar contratado que cumpre cos requisitos esixidos pola concellería de Ensino na licitación centrados, sobre todo, en acadar un tempo de comedor de aprendizaxe, de boa convivencia e de hábitos de vida saudables.

Este ano a concellería insistíu na importancia de que a empresa adxudicataria traballe co obxectivo de implantar bos hábitos nutricionais, de promover a vida activa e os hábitos de respecto ao medio ambiente, reciclaxe e aproveitamento dos recursos así como promover a cooperación, igualdade e piares básicos dunha boa convivencia.

No horario do comedor, o alumnado non só reporá os seus folgos cunha alimentación saudable se non que tamén disporá de tempo de lecer no que aprender de xeito lúdico coas divertidas actividades didácticas que desenvolverá a empresa contratada a través de obradoiros e xornadas.

Cristina Fernández recórdalle aos pais que aínda quedan prazas libres no servizo de comedor e que existe flexibilidade á hora de facer uso dese servizo podendo beneficiarse en días alternos ou consecutivos e en diferentes tramos de tempo.

Aula matinal

Ademais, Fernández tamén se reuníu no CEIP Ramiro Sabell con todas as familias interesadas no servizo de aula matinal que se oferta en todos os centros públicos tanto do centro urbano como das parroquias para informar sobre o servizo de aula matinal para o que tamén aínda quedan prazas tanto no centro urbano como nos centros do rural.

Co novo servizo de aula matinal nas aulas do CRA e dos Ceips do rural, a concellería de Ensino aumenta o apoio ás familias facilitando a concialiación laboral e familiar con accións útiles e de calidade nas que o alumnado ademais de estar atendido con persoal cualificado, poida aprender e descubrir.