A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe a segunda edición de ‘Elas son a forza do Nadal’, unha iniciativa que busca, por unha banda, poñer en valor o traballo das mulleres que “é fundamental” e, doutra banda, defender ás produtoras e produtores “e facer ver á xente a necesidade que compren do noso, que compren no comercio local”.
Carmela Silva, a quen acompañaban a viveirista e presidenta de acuBam, Mariví Álvarez; a peixeira Bea Reimóndez da pescadería ‘De mi barrio’ do mercado de Teis e a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, asegurou que “se durante todo o ano é importante poñer en valor o traballo das mulleres, nestas datas de Nadal ten que ser máis visible “xa que todas as comidas e ceas destas datas, reducidas este ano por mor da Covid, todo o que chega aos nosos platos é posible grazas ás mulleres que traballan no sector primario”.

A Campaña, realizada conxuntamente pola Deputación de Pontevedra, acuBam, Anmupesca e Fademur, busca visibilizar o traballo que desenvolven as mulleres da provincia, tanto produtoras como comercializadoras, e que, dixo Carmela Silva “permiten que o mellor produto, o produto de proximidade, poida chegar ás nosas mesas.
“Normalmente os rostros, os nomes, a actividade destas mulleres está invisibilizada. Neste sector, no sector primario, este feito e aínda máis inxusto porque se trata dun sector no que, prioritariamente, traballan mulleres”, engadiu a presidenta provincial.
Relacionaba Carmela Silva o produto de proximidade coa sustentabilidade xa que, ao consumir estes produtos, afirmou, “non só estamos a consumir un produto de calidade, non só é un produto maioritariamente ecolóxico e que polo tanto aposta pola sostibilidade, senón que apostar polo produto local tamén é loitar contra todas as cousas que danan o planeta”. “Se mercamos produto de aquí, produto de cercanía, precísase menos transporte e polo tanto contribuímos á redución de emisións de CO2”.

Antes de dar paso ao vídeo promocional da campaña ‘Elas son a forza do Nadal’, Carmela fixo unha reflexión sobre un feito que a Covid-19 puxo en maior relevo: a importancia de garantir a suficiencia alimentaria. “Imaxinemos por un momento un mundo no que non tiveramos produtoras e produtores de proximidade, no que todo o tiveramos que mercar noutros lugares. En situacións como esta, isto podería supoñer un risco moi importante de falta de produto para poder garantir a vida da xente. A Covid pon máis en valor esta cuestión”, afirmou.
No video da campaña, polo tanto, ponse nome e cara a produtoras de diversos sectores. Así aparecen Bea Reimóndez, pescadeira De mi Barrio, no mercado de Teis, cuxa aposta polas redes sociais e as TIC permitiulle enviar peixe durante o confinamento por todo Vigo e mesmo fóra da cidade; Mariví Álvarez, viveirista, presidenta de acuBam e socia de viveiros Río Tollo de Tomiño no que traballan un 90 % de mulleres; Margot Cababelos, avicultora, propietaria dunha granxa avícola en Cambados que ten moi en conta a sustentabilidade e benestar animal; María González, propietaria da panadaría Paulino en Rellas, Silleda, na que ela é a terceira xeración; Marina Álvarez, é unha redeira na Guarda e vicepresidenta da Asociación de Redeiras Atalaya dende a que están a loitar para que se lles aplique un coeficiente redutor para a xubilación; Susana González, percebeira-ouriceira e patroa maior da confraría A Anunciada de Baiona, que destaca no vídeo da campaña a liberdade e independencia económica que lle outorga o seu traballo; Mari Luz García, gandeira na Estrada, tamén ecolóxica e respectuosa co benestar animal e, por último, Cristina Yagüe e María Falcón, viticultoras propietarias da Anónimas Viticultoras, en Cambados, “o nome da empresa é unha homenaxe a tantas mulleres non recoñecidas en xeral e especialmente no mundo do viño que foi tradicionalmente masculino”, apuntou Carmela Silva.
Pola súa banda a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, subliñou a importancia de lanzar iniciativas “en positivo” como esta campaña, máis “neste ano tan malo”, e por impulsar o produto de proximidade, “feito por mulleres que levan moitos anos coidando da nosa terra”. Na calidade do produto afondou a peixeira Bea Reimóndez, quen destacou a “forza” das mulleres “para sobrevivir nestes tempos tan duros e traballar arreo para que todas as persoas poidan contar cunha boa vianda no Nadal”. Finalmente, a presidenta de AcuBam Mariví Álvarez enxalzou a importancia da campaña “porque precisamos reforzar, crer e facer que a xente crea no produto local, que está a consumir produtos bos porque cada día as produtoras estamos a superarnos e a evolucionar para mellorar”.