Sábado, 3 Maio de 2025

Anxo Rodríguez, Jennifer Abal, Sabela Martínez, Jorge Guille, Ana Fernández e Xosé Manuel Martínez, gañadoras dos VI Xogos Florais de Ponteareas

A Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas deu a coñecer as e os gañadores dos VI Xogos Florais, con motivo da pasada conmemoración do Día das Letras Galegas, no transcurso dunha gala da lingua na que se homenaxeou a Xela Arias, a quinta muller á que se lle dedica esta celebración.

As persoas premiadas no certame de poesía recibiron o seus agasallos (unha flor natural, unha figura de artesanía e o diploma acreditativo) da man dos membros do xurado, que estivo formado pola dramaturga Laura Porto Cabreiro, pola poeta Teresa Ríos Noya e polo concelleiro de Cultura, Fernando Groba Bouza.

[su_image_carousel source=”media: 38002,38000,37999,37998″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Na categoría xuvenil, os traballos galardoados foron: Síntoo adolescencia, de Anxo Rodríguez Rodríguez; Limerencia, de Jennifer Abal Da Silva; e Crecemos onde existimos de Sabela Martínez Viéitez. E, na categoría de adultos, os poemas: Antes da túa fala, de Jonatan Jorge Guille; Nai vaca, de Ana Fernández Melón; e A toba de Xosé Manuel Martínez González.

“Os membros do xurado tivemos unha tarefa difícil pola calidade, a creatividade e a frescura dos poemas presentados en ambas as categorías”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. O edil lembra que “foron decisións moi debatidas mais que nos encheron de ledicia por coñecer novos talentos e novas voces que enriquecen a nosa lingua e o noso sistema literario”.