12.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeEleccións 12XGonzalo Caballero pide o voto para o PSdeG como "muro de contención...

    Gonzalo Caballero pide o voto para o PSdeG como “muro de contención para frear á dereita e á ultradereita”

    O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, pediu onte o voto para o PSdeG para “facer de muro de contención, tamén en Galicia, fronte á dereita e á ultradereita”. Así o dixo nun mitin xunto co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que escolleu Galicia para ter o seu primeiro acto político logo do estado de alarma.

    O candidato socialista alertou da “presenza masiva” de referentes da ultradereita nestes días en Galicia, onde “veñen para xogar, porque queren entrar no Parlamento”. Ao fío diso, recordou que as enquisas tampouco recolleron a entrada da extrema dereita en Andalucía, e advertiu da facilidade do PP a manter “acordos con Vox” en todos os gobernos autonómicos nos que o necesitou.

    “Cando vexo a Abascal, a Ortega Smith ou a Espinosa de los Monteros, teño un motivo máis para votar ao PSdeG e frear á dereita e á ultradereita”, enfatizou Gonzalo Caballero.

    “O cambio o lidera o PSdeG”

    En paralelo, Gonzalo Caballero chamou tamén á mobilización dos socialistas galegos que nas convocatorias electorais de 2019 romperon coas sondaxes e puxeron ao PSdeG á fronte dunha maioría progresista que superou á dereita en todas as convocatorias electorais. De aí, explicou, a estratexia conservadora de “impoñer relatos que nos queren facer pequenos” para “inmobilizar ao electorado moderado progresista e socialista”.

    O líder dos socialistas galegos remachou que “a historia amosa que en Galicia só hai cambio cando o lidera o PSdeG”, e por iso “o PP a quen ataca é ao PSdeG e ao líder do PSdeG, porque saben que somos alternativa real”, e “a quen lle teñen medo é ao PSdeG”. Dixo que “a dereita prefire xogar á confusión e tratar entre algodóns a outras forzas progresistas”.

    Sinalou que “Galicia non ten unha maioría nin un sentimento nacionalista, e eu non son nacionalista, son galeguista; e tampouco son rupturista, son reformista e defendo a socialdemocracia”. “Cando nos queren facer sentir pequenos, eu dígolles que este partido sempre loitou en circunstancias difíciles, e engado que o cambio é posible e que o único cambio posible é liderado polo PSdeG”, remachou.

    “Eu son un galego que non se resigna ao relato que quere impoñer a dereita de Feijóo e Baltar, caciquil e rancia”, porque, lembrou dende Ourense, a realidade é que fronte á maioría de galegos que pensan que Feijóo pode gañar as eleccións, “só un 34 por cento dos galegos e das galegas realmente queren que Feijóo sexa presidente da Xunta”.

    “Escudo protector”

    Gonzalo Caballero comezou a intervención agradecéndolle en persoa a Pedro Sánchez que constituíra un “escudo protector” para a cidadanía fronte á crise sanitaria da covid, evitando que a crise económica se convertera nunha crise social. Sinalou que o goberno socialista foi quen de tomar decisións difíciles na peor crise do século porque “mentres o PP salvaba aos bancos e non ás persoas, nós gobernamos España para defender ás persoas”.

    Dirixiuse a Sánchez para sinalar que “hoxe dende Galicia todo o PSdeG quere agradecerlle que fora o presidente da dignidade, do benestar e da defensa dos dereitos de todos e de todas”.

    Agora, dixo o candidato socialista, cómpre “saír da crise pola esquerda” logo de 11 anos de Feijóo nos que xestionou a anterior crise provocando a perda de 70.000 empregos, recortando 2.000 millóns de investimento en sanidade, pechando 500 camas públicas, privatizando as residencias, abandonando o medio rural e recortando na educación pública.

    Gonzalo Caballero referiuse á mobilización en defensa da sanidade pública que tivo lugar hoxe en Compostela para subliñar que “a sanidade pública non se vende, se defende” con investimento e prazas de profesionais. Lembrou o compromiso de convocar na próxima lexislatura 5.000 prazas estables para profesionais sanitarios e “darlle a Galicia a sanidade que necesita para o século XXI”.

    O líder do PSdeG recalcou que Feijóo “tivo que recuar” no peche do paridoiro de Verín pola resposta social, como tamén “onte tivo que retirar o cheque da indignidade” de 250 euros para que os sanitarios gastaran en cenas que acadou o rexeitamento “unánime” de todos os sindicatos sanitarios e dos colexios médicos, que reclamaron mellores condicións laborais.

    Continuou na defensa do estado do benestar e dos servizos públicos criticando que o PP teña pechado escolas, suprimido os libros de texto gratuítos e amortizado prazas de mestres. Ao respecto, comprometeu que o goberno socialista recuperará os libros de texto gratuítos e concederá as primeiras matrículas universitarias para os galegos e galegas, ademais de empregar os fondos do Estado para que “ningún escolar quede sen ordenador con datos” para seguir as clases.

    Compromiso coa industria

    Ademais, o candidato socialista anunciou en Ourense que na primeira semana á fronte da Xunta “pedireille ao presidente do goberno unha xuntanza para tratar a política industrial galega e buscar unha solución co compromiso de manter o emprego da planta de Alcoa” en San Cibrao. Reivindicou unha “política industrial clara, nidia, a carón do goberno de España para defender con firmeza os intereses de Galicia”.

    Gonzalo Caballero incidiu en que cando a empresa, “logo de recibir millóns de euros de cartos públicos quere retirarse, temos a un goberno que lle está a dicir que ten que manter os compromisos co emprego, e que se se vai retirar debe indemnizar e devolver os fondos públicos que recibiu a cambio de manter o emprego”.

    Así mesmo, chamou a “convocar un gran acordo de país” para revitalizar a economía en tempos de crise e “tamén para unha nova política económica e industrial”, logo da xestión “inexistente” logo de 11 anos de goberno de Feijóo, que “dos 20 buques que prometera con Pemex só quedaron dous e un alto directivo preso por corrupción”.

    “UN GOBERNO COMPROMETIDO EN SANTIAGO”

    Pola súa banda, o presidente do goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, pediu o voto para Gonzalo Caballero e para “ter a seguridade de que á fronte da Xunta hai un aliado do goberno de España nos retos e desafíos que veñen”. Dixo que nestas eleccións xógase unha saída da crise “que non deixe a ninguén atrás” que representan os socialistas ou o “sálvese quen poida” que representa o PP.

    Apuntou que “necesitamos gobernos comprometidos en Madrid e Santiago”, mentres o PP “só sabe impoñer, recortar e bloquear”, como demostra ao poñerse fronte aos intereses de España na negociación das axudas da UE para recuperar a actividade económica e o emprego. No relativo á negociación europea, advertiu que “se perdemos non perde o Goberno, perde Galicia e perde España”.

    Pedro Sánchez preguntouse “se o PP non arrima o ombreiro na crise sanitaria e económica máis grave en 100 anos, cando vai arrimar o ombreiro o PP?”, antes de afearlles que en lugar de apoiar ao estado de alarma “o que fixeron en lugar de sumar, crispar, e en lugar de seguir a senda que demanda a política española, foron polo camiño marcado pola ultradereita de crispar e dividir”.

    Lamentou que “fronte ao obxectivo do goberno de derrotar ao virus pola vía da unidade, a dereita quixo derrotar ao goberno polo medio do virus, equivocaron o obxectivo e fracasaron”; e instou a “mobilizarnos o 12X porque non é o mesmo quen goberne nunha crise”.

    OURENSE “QUERE CAMBIO”

    O encargado de abrir o acto foi Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial de Ourense, quen avanzou que Gonzalo Caballero será o presidente da Xunta de xeito “inminente” e que o goberno socialista traerá “progreso” a esta provincia.

    Pola súa banda, Marina Ortega, número un da candidatura socialista por Ourense, quen fixo fincapé en que a súa provincia “quere cambio” porque está “no podium” en cuestións como o envellecemento, as pensións máis baixas do Estado ou a ratio de prazas privadas en residencias de maiores, mentres a mocidade marcha e o rural esmorece. Por iso, proclamou que Gonzalo Caballero é “o presidente da Xunta que necesitamos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.