14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación lanza un portal de acceso a preto de 700.000 rexistros...

    A Deputación lanza un portal de acceso a preto de 700.000 rexistros do patrimonio cultural da provincia

    As deputadas María Ortega e Carlos L. Font destacaron o esforzo de organización, descrición e catalogación realizado por parte do persoal provincial durante máis de dous anos

    Dende agora atopar un arquivo documental ou bibliográfico, cartográfico ou audiovisual (libros, revistas, periódicos, cartas, mapas, fotografías, debuxos, música…) do Museo de Pontevedra e do Servizo de Patrimonio da Deputación, así como doutros 128 concellos e institucións da provincia, será moito máis sinxelo. A deputada de Patrimonio María Ortega e o deputado de Novas Tecnoloxías Carlos L. Font presentaron hoxe formalmente o novo portal www.atopo.depo.gal, que permitirá á cidadanía coñecer preto de 700.000 referencias públicas do patrimonio cultural ‘a golpe de click’ proporcionando un marco sinxelo de divulgación, integración e investigación.

    Segundo explicou Ortega, ATOPO é unha ferramenta deseñada conxuntamente polo servizo de Patrimonio bibliográfico e documental e o servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación que naceu co obxectivo achegar á poboación a información dos fondos documentais definidos como públicos e de libre acceso que existen na provincia. “É un portal de descubrimento de recursos que facilita o acceso completo aos fondos, independentemente do seu formato, localización física e procedencia institucional. Trátase dunha solución que permite consultar unha ou máis bases de datos á vez e obter respostas en intervalos de tempo mínimos”, subliñou, para engadir que a web está “viva e en crecemento” no relativo a oferta de información, xa que engadirá fondos de xeito continuo.

    A nacionalista louvou o traballo feito polo persoal da institución provincial, a quen dixo, “non poido máis que felicitar polo inmenso, intenso e continuado traballo de organización, descrición e catalogación do patrimonio realizado durante máis de dous longos anos”.

    Tamén se sumou aos parabéns o deputado de Novas Tecnoloxías, Carlos López Font, quen puxo en valor o traballo conxunto e coordinado tanto da parte técnica como do equipo de goberno co fin de sacar adiante a iniciativa. Font subliñou que a plataforma permitirá dar a coñecer moitos fondos que ata agora se descoñecían simplemente por non ter unha ferramenta axeitada para descubrilos. Insistiu, amais, que o feito de que a web estea en tres idiomas (galego, español e inglés) permitirá unha maior divulgación “por interés e necesidade dos que se preocupan do patrimonio”.

    Actualización e ‘logueo’ por parte das persoas usuarias

    Segundo explicaron os ténicos do Arquivo José Luis Castro Carpintero e Damián Rey, ATOPO conta, a día de hoxe, con preto de 700.000 rexistros. Está baseada no motor de busca de bibliotecas libre Vufind, un software que permite ás persoas usuarias buscar e navegar a través de todos os recursos de biblioteca, substituíndo ós tradicionais, e dando un paso máis alá ó incluír recursos de tipo arquivístico. Así, conseguiuse o obxectivo inicial de integración de diversos fondos documentais e bibliográficos nun mesmo portal, chegando a manexar preto de 14.000.000 de imaxes dixitais.

    A web presenta un buscador de termos, así como tamén a posibilidade dunha busca avanzada que permite escoller entre distintos campos: título, autoría, tipo de material ou institución á que pertence.

    Os rexistros preséntanse con información básica de cada documento e a localización física do fondo ó que pertence e, no caso de que o obxecto dixital estea dispoñible, a persoa usuaria pode acceder ó documento dende calquera localización. Amais, unha importante característica da dixitalización é a aplicación de técnicas de recoñecemento óptico de caracteres en material mecanografado, o que facilita a labor de busca dentro dos propios documentos.

    No inicio do portal móstrase un carrusel de documentos destacados, nos que o persoal técnico da Deputación de Pontevedra resaltará periodicamente distintas obras, co fin de que as persoas usuarias poidan coñecer, dun modo simple, toda a variedade de fondos dispoñibles.

    O material dixitalizado configúrase o redor de seis áreas: Libros, imaxes dixitais pertencentes á colección do Museo de Pontevedra e a Biblioteca do Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra; periódicos e revistas; fondos documentais, incluíndo material impreso dixitalizado dos arquivos municipais, da Deputación de Pontevedra e Museo de Pontevedra; mapas, coa dixitalización dunha gran colección cartográfica; material gráfico; e material sonoro.

    ATOPO está aberto á incorporación de novos fondos e institucións que axuden a un maior enriquecemento, poñendo a disposición una ferramenta baseada en estándares bibliográficos e arquivísticos internacionais e no uso de software libre. Tamén é posible a interacción coa poboación e ‘loguear’ os contidos co persoal técnico do Arquivo e o Museo para realizar achegas.

    A Deputación de Pontevedra, así, pon accesible para a cidadanía e tamén para as administración locais o acceso aos arquivos e rexistros administrativos, os que forman parte do patrimonio cultural de cada municipio e serven de ferramenta de transparencia institucional, conseguindo que se coñeza dun modo simple a documentación aloxada nos principais arquivos da provincia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.