Cultura para todas e todos, accesibilidade, inclusión, ocupando espazos, coidando o medio ambiente, cumprindo cos 17 ODS da Axenda 2030 e coa igualdade como eixo transversal a todas as accións. Con estas premisas e con novidosas iniciativas, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu este sábado o pistoletazo de saída na Culturgal a “Unha provincia de película!”, a nova programación da institución para 2022. “Imos volver a impulsar unha fonda acción pola provincia porque temos unha cultura de película”, asegurou a presidenta, que insistiu “no poder transformador da acción cultural, que fai mellores ás sociedades e que hai que espallar por todo o territorio”. “Sen cultura non hai vida, asegurou, non hai sociedade avanzada sen ela e desde as administracións públicas temos a obriga de democratizala para que chegue a todas e a todos”. Carmela Silva sinalou que “si en Galicia temos un grande pulo cultural, a provincia de Pontevedra vive unha revolución, especialmente das mulleres creadoras. Sempre estiveron aí, pero case sempre tamén invisibilidas ou non recoñecidas”.
O audiovisual marcará de forma importante a programación do próximo ano. A presentación arrancou cun vídeo sobre os “Rías Baixas Film Fest” con FICBueu, Curtas Armadiñas de Poio, Novos Cinemas de Pontevedra, Cans do Porriño, Play-Doc de Tui, Primavera do Cine de Vigo, AGAIN de Vigo, Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía e o Galicia Freaky Film Festival de Vigo “que cada vez atraen a máis xente”. A presidenta anunciou, amais, que o próximo martes a Deputación acollera a xornada “O audiovisual e a reactivación: oportunidades para o sector e para os concellos” da man da Spain Film Comission e o Cluster Audiovisual Galego, “un foro no que coñeceremos os detalles do proxecto do goberno de España para crear un hub audiovisual que fará chegar moitos recursos”. “É preciso, dixo, que saibamos por onde ir porque queremos converter esta provincia nun plató de cinema con todas as posibilidades que iso xera, desde o punto de vista turístico pero tamén para crear industria audiovisual”
Carmela Silva confirmou outras novas iniciativas relacionadas co ámbito audiovisual que a Deputación vai lanzar por vez primeira como as xornadas “Cinema Mulleres”, os días 11 e 18 de decembro para visibilizar, reflexionar e debater con perspectiva de xénero sobre cinema, vencellando dous contextos socioculturais tan diferentes como próximos: Galicia e Arxentina. Tamén están pechadas dúas exposicións arredor do cinema e da fotografía como “Cines de Pontevedra. Memorias dunha ilusión”, mostra itinerante sobre a historia dos cines da provincia, e a da artista Rosa Neutro “Pequena enciclopedia de fotografía”. Igualmente, se retomará a iniciativa “Cinema e muller”, para fomentar a construción de discursos narrados por elas, e seguirán “Pontevedra Plató de Cinema”, patrocinio de cinema feito en Galicia que leva xa apoiado ata 9 producións nos últimos dous anos, e os premios “Mulleres no foco” “que estou segura que moi cedo se converterán nos Premios Mateo das mulleres do audiovisual”
O patrimonio como “escenario de realidade e ficción para fomentar a cultura en todas as súas manfiestacións” será tamén outro dos eixos para 2022. Así, lanzarase dúas novas iniciativas para empregar a arte e a cultura a fin de relacionar e emprender no territorio: “Mulleres extra muros”, na que se intervirá con arte no espazo rural. “Iremos a aldeas con mulleres artistas de distintas disciplinas para transformar espazos, e vivirán alí uns días en contacto con mulleres do pobo para contar coas historias da súa memoria”. Tamén lánzase “DepoCrea”, programa de acollida de creadoras e creadores en residencias artísticas. “Será no Grove, confirmou a presidenta, e contaremos con artistas da escrita pero tamén da música e das artes plásticas”.
Continuarán os programas emprendidos para dinamizar os espazos patrimoniais da provincia como “Tornar ás táboas”, teatro en auditorios e centros culturais; “Música no Ar”, facendo soar a música clásica, tradicional e contemporánea en espazos patrimoniais; os concertos de música galega en prazas e rúas con “Musigal”; o teatro e historias a carón dos castros de “Historias cavadas”; os percorridos da provincia coas “Rutas de Arquitectura” e os “Roteiros Literarios”; os espectáculos de maxia, circo e diversión nos castelos de Sobroso e Soutomaior de “Tras as ameas”; a moda, música e danza nos espazos con historia de “Costura de Alecrín by Rías Baixas”; e a “Escola de Letras”, pioneira en Galicia e das poucas que existen no estado.
A Deputación tamén seguirá celebrando ás históricas mulleres da cultura, como se fixo neste 2021 con Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Xela Arias e María Vinyals, e seguiranse a apoiar e visibilizar ás mulleres da escrita espallando o “Manifesto de Soutomaior”. Nesta misma liña, festexaranse efemérides como o Día de Rosalía, o Día do Teatro, o Día da Poesía, o Día do Libro, o Día da Danza e o Día da Música, e datas históricas vencelladas á cultura como o Día das Artes Galegas que, no 2022, porá o aceno no pintor lalinense Laxeiro, ou festexando o centenario do nacemento de María Casares, “a nosa actriz máis internacional”,
Tamén seguirán as exposicións centradas na cultura e a igualdade como “Muller por muller”, ata finais de ano na sede en Vigo, “Espazos roubados”, que se inaugura este próximo luns, e igualmente volverán iniciativas vinculadas coa igualdade e centradas na música como o programa “Descúbreas”, que continuará no 2022 para seguir potenciando o talento musical feminino da provincia.