11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaSusana Fernández, nova directora de proxectos europeos da Deputación

    Susana Fernández, nova directora de proxectos europeos da Deputación

    “Unha muller nova cun currículo impresionante”. Así definiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, á nova directora de Proxectos Europeos, Susana Fernández López. “É unha inmensa sorte poder contar con ela”, engadiu, durante a presentación da profesional que, a partires de agora, será a encargada de pilotar a elaboración e xestión dos proxectos europeos por parte dunha administración provincial que xa foi quen nestes últimos anos de xestionar un total de 56 millóns de euros procedentes de Bruxelas cun nivel de execución do 100%.

    Susana Fernández é licenciada en Ciencias Políticas, alumna do Institut d´Etudes Politiques de Lyon (Francia), máster en Estudos Europeos no College of Europe; máster en Innovación e Desenvolvemento pola Universidade de Santiago; bolseira da Fundación Barrié de la Maza no Manchester Institute of Innovation Research e unha profesional con manexo oral e escrito do inglés, francés e portugués. Atesoura 15 anos de experiencia profesional como técnico de Proxectos Europeos da USC, responsable de proxectos do Secretariado Técnico Conxunto do programa Interreg Sudoe e consultora de proxectos europeos e bolseira da Comisión Europea con varias estadías en Bruxelas, entre outros méritos. Á convocatoria pública da Deputación  para dirixir a área de Proxectos Europeos presentáronse 9 persoas moi cualificadas e a selección rematou cunha decisión unánime do tribunal cualificador. A presidenta Carmela Silva amosouse especialmente satisfeita co resultado: “Que mulleres tan potentes temos en Galicia”, concluíu.

    “Unha Deputación que é un laboratorio de ideas”

    A nova directora de Proxectos Europeos afirmou sentirse sorprendida de ter descuberto durante a semana que xa leva incorporada ao seu posto unha Deputación á que definiu como “un laboratorio de ideas”. “Non agardaba chegar e atoparme con xente tan brillante”. Ademais agradeceu poder traballar “nunha contorna moi feminista e non só de boquilla, senón tamén na realidade diaria”. Fernández destacou que nos próximos 3-4 anos vanse abrir “oportunidades sen igual na historia recente” e por iso valorou a decisión política de potenciar a “capacidade de anticipación” na institución provincial. Destacou que chega decidida a maximizar as posibilidades de optar tanto aos fondos Next Generation como doutro tipo de recursos. O seu equipo, concretou, traballa xa no deseño de proxectos aliñados coas  prioridades da Deputación e a axenda europea. “Queremos inducir ese efecto transformador na sociedade e na economía apostando pola innovación e a resiliencia, a sustentabilidade e, sobre todo, sempre moi centrados nas persoas”, explicou ao referirse aos seus obxectivos finais.

    A presidenta da Deputación, que tamén estivo acompañada da nova directora e da deputada de Proxectos Europeos, Iria Lamas, destacou que con esta incorporación a Deputación será máis eficaz e eficiente “na súa finalidade de mellorar a vida da cidadanía con proxectos avanzados, sabendo como queremos transformar a nosa provincia”. Neste senso recordou que España é o primeiro país en recibir o visto bo aos fondos de recuperación, polo que non había tempo que perder. A presidenta engadiu que a Deputación xestionou este ano 7,4 millóns de euros que se traduciron en actuacións realizadas en 33 concellos e unha entidade local menor, dando resposta así a outras tantas demandas sociais. Para o ano 2022 xa ten confirmados outros 21 millóns de euros que se reparten entre os 3,5 millóns de euros para os Plans de Sostibilidade Turística en Destino impulsados pola Deputación no territorio interior da provincia e os 18 millóns de euros para accións de apoio ao sector primario, sostibilidade, mobilidade e eficiencia enerxética.

    Carmela Silva lembrou que a Deputación de Pontevedra foi unha das primeiras institucións públicas do estado en elaborar un Plan Estratéxico de Fondos Europeos e recalcou o nivel de excelencia na súa execución, xustificando correctamente tódolos proxectos “co aplauso de Europa, cousa que non sucede cos fondos que xestiona a Xunta de Galicia e que tampouco sucedía cando aquí gobernaba o PP, período no que mesmo abríronse informacións sobre o mal uso daqueles fondos europeos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.