24.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Setembro de 2023
Máis
    HomeÉ Noticia'ReacPon', 20 millóns de euros para transformar os municipios da provincia de...

    ‘ReacPon’, 20 millóns de euros para transformar os municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes

    “Presenza masiva” e “boa recepción” de alcaldes e alcaldesas na reunión convocada pola Deputación para dar a coñecer os criterios e liñas de actuación

    A Deputación de Pontevedra vén de dar “o pistoletazo de saída ao ReacPon concellos que con 20 millóns de € vai permitir transformar os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia”. Así o destacaron a presidenta provincial Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera trala reunión con “presenza masiva” de alcaldesas e alcaldes, concelleiras e concelleiros, para dar a coñecer as bases e liñas de actuación do máis ambicioso programa de investimento público da historia da institución a fin de enfrontar a reacción nun escenario post covid. Durante o encontro, a presidenta adiantou que “mañá mesmo sairán publicadas as bases do plan no Boletín Oficial da Provincia e dende o mércores comezará xa a contar o prazo de dous meses para que os concellos poidan presentar os seus proxectos e optar, así, ao financiamento”.

    Carmela Silva destacou a “boa recepción” por parte das alcaldesas e alcaldes do ReacPon do que se deu conta durante a reunión, na que se afondou “nas características deste plan extraordinario” e se facilitou “información dos obxectivos que con el perseguimos, que están aliñados cos fondos Next Generation”, así como das bases e criterios para poder optar a financiamento dos proxectos. Ao respecto a presidenta e o vicepresidente, que se puxeron a disposición dos concellos para resolver todas as dúbidas que vaian xurdindo, recordaron que xa en xaneiro deste ano, no encontro con alcaldesas e alcaldes para dar a coñecer a estratexia provincial de Fondos Europeos, “falamos da importancia de ter proxectos maduros centrados na rehabilitación, nova construción e mobilidade amable”, as tres iniciativas obxecto de financiamento do ReacPon Concellos.

    O vicepresidente César Mosquera destacou que a Deputación é das máis avanzadas á hora de orientar aos concellos a políticas “que van cos tempos actuais e miran ao futuro” e animoulles a presentar proxectos maduros para optar ao financiamento. Subliñou que as axudas concederanse seguindo criterios obxectivos e numéricos, “por fórmulas matemáticas”, e salientou a boa sensación sobre a aceptación do plan nas ‘distancias’ curtas cos alcaldes e alcaldesas trala reunión. Neste sentido, foi crítico co Partido Popular e subliñou que “non aflorou” ninguén que non estivese dacordo coa liña de axudas: “Nin o primeiro alcalde ou alcaldesa”, dixo, “transmitiu as desgracias e queixas das que falou o PP no Pleno”.

    Salientou, así mesmo, que todos os concellos foran avisados desde o inicio de mandato, en sucesivas reunións, de que era preciso que fixeran proxectos e os traballasen para optar a financiamento. Tamén destacou que a Deputación de Pontevedra é das que máis recursos destina directamente aos concellos e subliñou que tamén está entre as máis avanzadas á hora de orientar ás administracións locais en políticas “que van cos tempos actuais e miran cara ao futuro”. “Hai 40 anos podíanse facer obras de chapapote”, lembrou, para sinalar que hoxendía as obras e iniciativas deben estar ben feitas, aforrando recursos, e non sendo contaminantes, poñendo como referencia iniciativas como o Revitaliza e Ágora.

    O programa ReacPon Concellos, aprobado no pasado pleno da Corporación Provincial, conta, coma todas as iniciativas que lanza a institución provincial, con bases transparentes, por concorrencia competitiva, con criterios obxectivos, equitativos e respectando a autonomía local. En liñas xerais, a través de ReacPon Concellos preténdense garantir dereitos e servizos, loitar contra o despoboamento, impulsar a sustentabilidade, promover a dixitalización na prestación de servizos e a accesibilidade no acceso a equipamentos, espazos e infraestruturas locais no medio rural. Tamén avanzar na consecución dos Obxectivos 2030 e nas liñas mestras definidas para os fondos Next Generation.

    Con ReacPon Concellos cada municipio poderá financiar unha actuación ben sexa de rehabilitación, nova construción ou espazo público sempre que supoña un máximo do 90% do Plan Concellos que lle corresponde e un mínimo dun terzo do mesmo. No caso de rehabilitacións inclúense melloras en instalacións municipais para uso social, cultural, deportivo, turístico e de lecer, así como as dirixidas á infancia e mocidade, atención a vítimas de violencia de xénero ou elementos de interese patrimonial e de uso institucional e administrativo.

    No que respecta á nova construción, inclúense edificios sostibles e intelixentes e actuacións sostibles que impulsen a cohesión territorial, a dixitalización, accesibilidade e igualdade de oportunidades rural/urbano. Finalmente, no caso de actuacións en espazos públicos búscase darlles un uso plural, amable e fomentar recuperacións, melloras, urbanizacións, e reurbanizacións que cumpran os principios da rede Ágora.

    Daráselle prioridade ás rehabilitacións e á mellora de espazos públicos con criterios de sustentabilidade e, no que respecta ao cofinanciamento, os concellos con menos poboación aportarán menos recursos que os de maior poboación. Amais, valoraranse a madurez do proxecto, a contribución a unha economía descarbonizada, a calidade do proxecto e a contribución dos proxectos á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 o cumprimento das políticas panca do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.