Mércores, 18 Xuño de 2025

“Re-accion nos Castelos” pecha o verán cunha mobilización cultural de máis de 800 persoas en Soutomaior e Sobroso

O programa Música no Ar leva o sábado 26 en Agolada ao Cuarteto de Corda e de Vento da Filharmónica de Pontevedra

“Expectativas desbordadas e unha excelente acollida do público. Estamos encantadas”. Así definiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva o “éxito absoluto” do programa “Re-acción nos Castelos” que este verán acolleron os castelos de Soutomaior e Sobroso, mobilizando, a pesar das restricións da covid19, a máis de 800 persoas.

Con “Re-Acción nos Castelos”, unha das iniciativas coas que a Deputación quixo reactivar a actividade cultural na provincia e apoiar ao sector trala pandemia, Soutomaior e Sobroso convertéronse en escenarios inéditos de artes escénicas, música, danza e circo, contacontos, creación contemporánea e música clásica, amais da programación para as crianzas. Diferentes actividades condicionadas polos espazos e aforos e desenvolvidas baixo o estrito protocolo contra a covid19. Foron 14 espectáculos que esgotaron todas as prazas nada máis abrirse a inscrición, tanto as do público infantil como as do adulto.

Remata polo tanto a actividade nos Castelos aínda que a programación de “Re-acción Cultural” se segue a celebrar con “Música no Ar”, o ciclo centrado na música clásica en escenarios espectaculares da provincia como pazos, castelos e conxuntos patrimoniais. O vindeiro sábado 26, será o concerto do Cuarteto de Corda e instrumentos de Vento da Filharmónica de Pontevedra na Praza do Concello de Agolada.