16.8 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaOs roteiros literarios e de arquitectura toman o relevo na programación "Re-acción...

    Os roteiros literarios e de arquitectura toman o relevo na programación “Re-acción cultural” da Deputación

    Cesáreo Sánchez: “Estes roteiros fan que a literatura non só sexa territorio presente, senón tamén territorio de soños e de futuro”

    A Deputación de Pontevedra segue a camiñar na “Re-Acción Cultural” da provincia coas dúas novas edicións dos Roteiros Literarios e os de Arquitectura que se levarán a cabo nos meses de setembro e outubro por diversos espazos da provincia. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, destacou hoxe na presentación destas actividades a colaboración respectiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e da Academia Galega de Belas Artes, cuxos representantes Césareo Sánchez Iglesias e Celestino García Braña participaron no acto.

    Os Roteiros constarán dun total de 12 rutas (seis literarias e seis de arquitectura), nas que se ofertarán 24 prazas en cada unha e que percorrerán 14 concellos da provincia.. Como explicou a presidenta, os Roteiros Literarios desenvolveranse os domingos a partir do 6 de setembro en horario de mañá (11.30 a 13 horas) e serán paseos por seis cidades e vilas escenario de obras literarias. Terán como guías a autores e autoras da AELG, que tomarán como base obras propias ou alleas. Neste senso, Carmela Silva destacou a labor do colectivo que preside Cesáreo Sánchez na “revolución cultural que sobre todo na escrita está a vivir Galicia”. “Non sei se sairemos mellores ou peores da pandemia, pero a cultura permite construír sociedades mellores, non teño dúbida nin esta Administración tampouco _significou_. Por iso imos continuar celebrando estas actividades, incluso conxugándoas en vindeiras edicións, porque a arquitectura é o lugar onde descansa a vida física e a literatura onde descansa a vida toda”.

    As camiñadas literarias arrancarán o 6 de setembro en Baiona, onde Iria Misa comentará os escenarios da súa obra Segredos no solpor. Continuarán logo en Vilagarcía (13 de setembro) cun roteiro arredor de O xardineiro dos ingleses, que conducirá o escritor desta obra, Marcos Calveiro e en Cerdedo-Cotobade (20 de setembro), coa ruta literaria e etnográfica que guiará o profesor e etnógrafo Carlos Solla. Posteriormente, o 27 de setembro Manrique Fernández conducirá un paseo polos espazos vinculados á literatura en Ponteareas e o 4 de outubro Xosé Monteagudo fará un repaso pola vida cultural, política e social na cidade de Pontevedra, protagonista da súa obra Todo canto fomos. Os roteiros rematarán o 10 de outubro coa ruta guiada por Anselmo López Carreira sobre o Vigo Medieval.

    Tras dar a coñecer os itinerarios, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, destacou a colaboración da Deputación neste proxecto que “fai que a literatura non só sexa territorio presente senón tamén territorio de soños e de futuro”. “Dalgunha maneira o libro podería ser tamén a construción da arquitectura da alma”, engadiu o escritor, para quen “a riqueza do patrimonio cultural na provincia de Pontevedra provoca esa outra riqueza que é darlle contido literario, facer que os lugares sexan habitados por personaxes reais ou soñados. É outra maneira de que as cidades e vilas, os lugares vivan”. “Esta recreación literaria _agregou_  tamén é unha maneira de que as novas xeracións poidan vivir actualmente en territorios que son construídos por moitas outras, que nos trouxeron o legado do seu patrimonio inmaterial e material e que farán que permanezan nos lectores. Porque todo lector que recorde un lugar físico, un territorio, atopará claves para darlle sentido a aquelo que previamente le”.

    En canto aos Roteiros de Arquitectura, este ano terán como eixo central o Barroco, despois da conmemoración do Día das Artes Galegas deste ano dedicada á figura do arquitecto Domingo de Andrade. Carmela Silva subliñou que “serán visitas sobre época, ética e estética” a diversos espazos barrocos da provincia e que guiadas por tres destacadas mulleres expertas en arquitectura e historia, Estefanía López, Paula Pita e Luz Paz. “Creo que isto tamén visibiliza o moito que as mulleres teñen aportado á arquitectura e a todos os eidos”, sinalou.

    Neste caso, os paseos chegarán a todas as comarcas da provincia e serán os sábados en horario de mañá. Comezarán o 12 de setembro en escenarios barrocos de Pontevedra e Poio, para continuar o 19 de setembro por espazos representativos deste estilo arquitectónico en Vilagarcía e Cambados e o día 26 por Tui, onde se visitará a catedral, precisamente unha das obras de Domingo de Andrade, e outros lugares en Salvaterra. Xa en outubro, o día 3 as rutas chegarán a diversos lugares dos concellos de Vigo, Nigrán e  Baiona; o 10 de outubro a espazos barrocos de Bueu e Cangas e o día 17 finalizarán cunha ruta por pazos en Lalín e A Estrada.

    O vicepresidente da Academia Galega das Belas Artes, Celestino García Braña, destacou que esta nova colaboración coa Deputación nos Roteiros dá continuidade á anterior sobre arquitectura moderna e destacou a Domingo de Andrade como “o gran arquitecto do século XVII”. “Nestas rutas falaremos do Barroco galego como expresión dun momento determinado, dunhas ansias da sociedade de expresar en que consistía a vida a mediados do século XVII _indicou_. Os pazos, igrexas e rúas que se van percorrer teñen que ver coa expresión arquitectónica dese século”. García Braña quixo reivindicar na súa intervención “o senso profundo que ten a arquitectura”. “Manter os edificios en boas condicións é un papel fundamental porque entronca coa nosa tradición _indicou_  . Porque a arquitectura ampara a vida. Que diferente é confinarse nunhas condicións ou outras. Se a felicidade existe, que pode ser, tense que dar en espazos agradables, se non, non hai felicidade. Estes roteiros son momentos para explicar o sentido profundo da vida, á que acompaña sempre a arquitectura”. O desenvolvemento destas rutas, como subliñou Carmela Silva, estará guiado por un estrito protocolo “con todas as medidas de seguridade e garantías sanitarias” e, de feito, os desprazamentos aos lugares de partida deberán facerse por medios particulares. Será obrigado o uso de máscara. As inscricións poden realizarse xa no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando cal é a ruta escollida, os nomes das persoas participantes (máximo de 4 por reserva) e un teléfono de contacto. 

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.