19.7 C
Pontevedra
Martes, 15 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaOs "Bosques Terapéuticos" comezan xullo cunha ruta pola fervenza do Toxa e...

    Os “Bosques Terapéuticos” comezan xullo cunha ruta pola fervenza do Toxa e a illa de Tambo

    O programa “Bosques Terapéuticos”, co que a Deputación está a promover actividades baseadas na terapia de shinrin yoku ou “baño de bosque”, unha técnica orixinaria de Xapón que consiste en internarse na natureza para relaxar a mente e reducir o nivel de tensión, abre a súa andaina do mes de xullo en Silleda e Poio. O sábado 1 terá lugar un percorrido pola Fervenza do Toxa e o domingo 2 de xullo pola contorna da illa de Tambo, onde as persoas participantes poderán desfrutar dunha actividade que mestura natureza, exercicio, cultura, historia e saúde.

    A ruta pola Fervenza do Toxa amosa a beleza desta contorna situada en Pazos, no concello de Silleda, onde a verde vexetación, a rocha e a auga se funden para acadar esta obra mestra da natureza. O río Toxa cae uns 30 metros en vertical e esculpe a rocha de mil xeitos, todo rodeado dun denso bosque de carballos, castiñeiros, sobreiras e decenas de especies máis. En Galicia as fervenzas chámanse de forma diferente segundo a zona na que se atopen e reciben moitos nomes como abanqueiro, cadoiro, freixa, feixa, ruxida, ruxidaira ou seimeira. A Fervenza do Toxa tamén se coñece ás veces como Cataratas de Pazos, pola parroquia onde se atopa.

    Pola súa banda, o itinerario pola illa de Tambo, de 2,5 quilómetros, percorre un enclave natural e histórico cheo de espazos para desfrutar con toda a intensidade dos baños de bosque. O percorrido por esta illa, que abrangue unha extensión total de 28 hectáreas e acada unha altitude de 80 metros no alto de San Facundo, atravesa elementos naturais como é o caso da praia Area Grande e o seu sistema de dunas. Tamén destacan os taffonis e o abundante patrimonio construído, que inclúe o faro, restos dun lazareto e un albergue, un polvorín e os peiraos.

    As dúas rutas, que comezarán ás 10.00 horas, parten dunha premisa fundamental: abrir os cinco sentidos, respirando a fondo e camiñando mentres se conecta coa natureza. Porén, os e as asistentes son instados a desconectar os dispositivos móbiles, observar a luz solar que penetra entre as follas, percibir os sons e aromas que as e os rodean, camiñar en silencio e en calma e deixarse levar sentíndose parte da experiencia. De feito, o importante non é facer moitos quilómetros, senón desfrutar do camiño lentamente e prestando atención ao que se atopa no paseo.

    Quen queira desfrutar destas saídas dos “Bosques Terapéuticos” terá que agardar ata agosto xa que as rutas do mes de xullo esgotaron a totalidade das prazas ofertadas. Neste vindeiro mes os percorridos pola fervenza do río Toxa continuarán os días 16 e 30 e pola Illa de Tambo o 22 de xullo. Amais, o día 8 o programa recalará no lago de Castiñeiras; o domingo 9 de xullo continuará pola carballeira de San Xusto; o sábado 15 polo río Eifonso; o domingo 23 pola Ruta da Pedra e da Auga e o sábado 29 pola ponte colgante do Lérez. Para as rutas do mes de agosto o prazo de inscrición abrirá o 17 de xullo e os percorridos comezarán o día 5 pola Ruta da Pedra e da Auga e continuarán o 6 pola illa de Tambo, o 12 polo lago de Castiñeiras, o 13 na carballeira de San Xusto, o 19 polo río Eifonso. Para finalizar, o domingo 20 de agosto a ruta será pola ponte colgante do Lérez.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.