8.5 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Verbum acolle 'A poesía do retrato' unha mostra que conxuga a...

    O Verbum acolle ‘A poesía do retrato’ unha mostra que conxuga a lírica de Xela Arias coas fotografías de Xulio Gil

    Carmela Silva resaltou a importancia de exposicións que poñan o foco na mulleres e fixo un recoñecemento especial á figura de Xela Arias, unha poeta “empoderada e rebelde que pretendía rachar co que non lle gustaba”

    A mirada de Xela Arias segue os pasos de todas as persoas que percorren desde este luns a sala de exposicións do Museo Verbum, en Vigo, tras a inauguración de ‘A poesía do retrato’, unha mostra que conxuga parte da obra poética da autora coa fotografía de Xulio Gil. A exposición, organizada polo Concello de Vigo en colaboración coa Deputación de Pontevedra, poderá visitarse ata o 29 de outubro tras a apertura de onte, que contou coa asistencia da presidenta provincial, Carmela Silva, xunto a Xulio Gil e Darío Gil, parella e fillo da autora respectivamente, a nai e o irmán de Xela, a concelleira de igualdade Uxía Blanco, o comisario da mostra, Xosé Enrique Acuña, e representantes institucionais.

    A exposición mergulla a todas as persoas que a visitan no universo máis íntimo de Xela Arias a través de 40 dos seus poemas. Nas paredes do Museo Verbum os versos da creadora dialogan con 40 conxuntos de retratos en branco e negro da propia Xela que foron tomados por Xulio Gil nas décadas dos anos 80 e 90. Esta mestura de poesía e fotografía non deixará indiferente a ningunha das persoas que a visiten, quen se atoparán cunha Xela Arias que posa con determinación e mira de fronte con honestidade e cunha mirada penetrante que atrapará a todas as persoas que acheguen ao museo.

    “Xela Arias. A poesía do retrato” amosa a unha muller “única, empoderada, extraordinaria e rebelde que pretendía rachar co que non lle gustaba”, palabras coas que a presidenta da Deputación definiu á autora viguesa. Para Carmela Silva o feito de que este ano as Letras Galegas se dedicara a unha muller é unha “reivindicación moi especial –que tal e como apuntou– ten que ter unha gran repercusión na conciencia colectiva”, aludindo así á invisibilización das mulleres en todos os eidos, como o da literatura. Ademais, a presidenta provincial puxo o foco no papel que xogan as mulleres na sociedade ao afirmar que “temos moito que reivindicar e aportamos moito ás xeracións que veñen detrás de nós”.

    Quen foi a parella de Xela, Xulio Gil, deixou claro que a pesar de ser o autor dos retratos a verdadeira protagonista da mostra é Xela, “e isto non sería posible se non se lle dedicara o Días das Letras Galegas”. O fotógrafo lembrou os momentos nos que retrataba á autora e ollándoos dende o presente afirmou que “cando estás a facer un traballo é moi difícil imaxinar a transcendencia que vai ter”. Pola súa banda, Darío Gil, fillo da autora, amosou a súa ledicia porque esta exposición se celebre en Vigo, a cidade na que pasou a maior parte da súa vida, e agardou que a mesma “sexa un reclamo para dinamizar a oferta cultural” da cidade. Este feito foi tamén salientado pola concelleira Uxía Blanco, quen resaltou a importancia que cobran os recunchos de Vigo nas fotografías e rematou a súa intervención recitando versos de Xela Arias.

    Pola súa banda, o comisario da exposición Xosé Enrique Acuña definiu a mostra como un proxecto “persoal e colectivo” –ao ser boa parte dos retratos tomados na casa pero socializados de cara a creatividade– co que a Xela Arias se suma ao conxunto de creadores e creadoras que “entenderon que co seu corpo e o seu rostro podían sumar na cultura”. Puxo o aceno na importancia da mirada da autora xa que nos retratos “podemos ver como os ollos de Xela Arias son estrofas dalgúns dos seus futuros poemas” así como no feito de que a exposición se leve a cabo en Vigo, “o lugar natural onde se tiña que ter celebrado xa que tanto Xela como Xulio foron parte desa xuventude viguesa que arriscou na creatividade e nos comportamentos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.