Venres, 9 Maio de 2025

O PP vota en contra, no Pleno da Deputación, dunha moción na que urxe á Xunta a reforzar os centros de saúde

Carlos Font afeoulle ao PP o seu voto contrario no pleno provincial: “Votar contra esta moción é votar en contra das persoas e do seu dereito a unha sanidade digna”

“A Deputación non pode permanecer allea ao enxordecedor clamor social causado polo caos na Atención Primaria, que é a nosa liña de defensa nesta segunda fase da pandemia, e que está a quedar superada por mor do desmantelamento ao que foi sometida pola Xunta de Galicia durante os últimos anos”. Así o manifestou o voceiro do grupo socialista, Carlos López Font, durante o Pleno provincial celebrado hoxe, no que se aprobou a moción que urxe ao Goberno galego a reforzar os centros de saúde con recursos humanos e materiais e a poñer en marcha un sistema de rastrexo eficaz.

A moción saíu adiante co apoio do PSdeG-PSOE e BNG e o voto contrario do PP. López Font afeoulle ao Partido Popular a súa negativa a apoiar esta resolución e esixiulle aos populares máis sensibilidade diante do aluvión de queixas dos pacientes, tódolos colectivos profesionais sanitarios, os concellos da provincia e as asociacións de usuarios. “Votar en contra desta moción é votar en contra da xente e do dereito a unha sanidade digna”, concluíu o deputado.

“Asistimos”, explicou Font, “a unha crise de desatención sanitaria sen precedentes” que afecta a milleiros de persoas con enfermidades comúns ou non comúns que non conseguen concertar cita telefónica e que quedan sen tratamento. No caso dos/as pacientes polimedicados/as, engadiu Font, falamos de persoas maiores e fráxiles que están sen o seguimento esixible. “A xente pasa horas ao teléfono para tratar de conseguir unha cita e, na meirande parte das ocasións, estase a tardar ata dúas semanas en chamala”. “Están abocando á xente a ir a Urxencias e, ao deixar de atender nos Centros de Saúde, están causando que se agraven os problemas de saúde e que diminúa a detección temperá de enfermidades”.

Durante a súa intervención, Font fixo un exhaustivo repaso das numerosas denuncias públicas e convocatorias de protestas que afectan á práctica totalidade dos centros de saúde e consultorios do territorio provincial. “O certo”, explicou, “é que son tantos os problemas que mesmo parece que deixaron de ser novidosos; o que resultaría unha nova impactante hoxe é que un centro de saúde funcionase correctamente e estivese en boas condicións”. Neste senso, engadiu que o “consultorio tipo” na nosa provincia conta cun só médico e unha persoa para Enfermería e, se se “tercia”, péchase ás fins de semana, como sucede en Moaña”. Na súa opinión, a “opacidade informativa” da Xunta que vén de denunciar o Colexio de Xornalistas de Galicia en todo o que ten que ver coa evolución da pandemia resulta “intolerable”. Font cualificou como “escandaloso” que os xornalistas galegos teñan emitido un comunicado denunciando que Galicia é a comunidade máis opaca de toda España e que os escasos datos oficiais que transcenden emanen dos autos xudiciais sobre medidas cautelares. Unha falta de transparencia que tamén os alcaldes e alcaldesas poñen de manifesto dende hai meses ao non ter acceso ás cifras de persoas contaxiadas nos seus municipios e verse, deste xeito, imposibilitados/as para colaborar nun control máis efectivo control do espallamento do virus.

O deputado interpelou ao goberno galego para preguntar onde están os 268,1 millóns de euros de fondos estatais transferidos o pasado mes de xullo para Sanidade, aos que se vai sumar unha segunda entrega o próximo mes de novembro. “En que empregaron os cartos do Estado? Cantos rastrexadores hai? Onde está o persoal de reforzo nos centros de saúde? Onde as/os pediatras?” Ademais, amosou a súa perplexidade coa resposta do conselleiro de Sanidade en sede parlamentaria na que mesmo cuestionou a figura e as funcións dos/as rastrexadores/as. Carlos Font explicou que o sistema sanitario galego está nunha situación crítica. “Hai unha crise que vén do desmantelamento progresivo da Sanidade e que viña evidenciándose xa dende antes da pandemia” como demostra a dimisión de 23 directores/as de centros de saúde de Vigo. O deputado vaticinou que a situación irá a peor porque hai médicos que atenden máis de 50 pacientes ao día e están ao borde da súa capacidade de resistencia.

O voceiro do BNG, César Mosquera afirmou que “o que está pasando é inadmisible”. Falou en primeira persoa ao explicar que el mesmo non puido conseguir cita médica para un recente problema de saúde e que pode poñer moitos exemplos na súa contorna máis próxima. “Estase a ordenar á xente que chama porque ten algún síntoma que se confine sen facerlle probas”. “Acaban de detectar 90 positivos nun centro de traballo e iso non se contaxia nun día; estamos como se houbera que levar unha vela a Santa Clara”, lamentou.