13.3 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Pleno da Deputación reclama á Xunta unha partida específica nos orzamentos...

    O Pleno da Deputación reclama á Xunta unha partida específica nos orzamentos para os gastos extra dos concellos coa COVID19

    Carlos Font: “A Xunta non pode seguir utilizando aos concellos para o que lle interesa, trasladándolle responsabilidades sobre servizos autonómicos, sen delegación de competencias e sen transferir un só euro”

    A Deputación ponse ao lado dos concellos da provincia reclamando, a través dun acordo plenario alcanzado esta mañá, que a Xunta lles compense os gastos realizados por mor da pandemia de covid19 e polo exercicio das competencias impropias, unha “factura” que se vai incrementando ano tras ano e que se disparou coa crise sanitaria. O acordo plenario, que foi apoiado polos grupos do PSdeG-PSOE e BNG e rexeitado polo PP, reclama a creación dunha partida específica nos Orzamentos Autonómicos de 2021, ou ben co incremento do Fondo de Compensación Local básico por un importe equivalente.

    O Pleno provincial considera que a situación ten chegado a un punto insostible “cos concellos cada vez máis afogados por atender os servizos que corresponden á administración autonómica”, e reclama un proceso negociador co municipalismo galego, a través da FEGAMP, para alcanzar o necesario Pacto Local en materia de competencias e o seu financiamento. Trátase de garantir recursos aos entes locais para costear aqueles servizos que, sendo de titularidade autonómica, se entenda que deben ser exercidas por delegación polos concellos.

    O deputado Carlos Font afirmou que son “tempos de cogobernanza”, polo que “é inasumible” que os concellos sigan cargando con custos desproporcionados e que non lle corresponden. “A Xunta non pode simplemente usar aos concellos para o que lle interesa, trasladándolle responsabilidades sobre servizos autonómicos sen transferir un só euro”. Font insistiu en que hai que poñer freo a unha práctica cada vez máis frecuente do Goberno Feijoo que “mesmo é lexislativa, aprobando normas “ad hoc” para traspasar responsabilidades ao ámbito municipal”. “Esta moción”, dixo, “non é unha simple reclamación dos partidos de Goberno na Deputación, é un clamor de todos/as os/as alcaldes/as da provincia, de sentido común e sen cores políticas”.

    Font lembrou que a Unión Europea dedicará 140.000 millóns de euros ao Goberno de España, que a súa vez está a transferir miles de millóns de euros ás comunidades autónomas, entre elas Galicia, e a Xunta, máis alá da propaganda oficial, só transfire responsabilidades aos concellos, pero non recursos. Neste senso lembrou que a Deputación, a pesar da súa limitada capacidade económica, tamén remitiu fondos extraordinarios aos municipios ao comezo da pandemia, sabedora do impacto económico que supón estar “en primeira liña”.

    Pola súa banda o vicepresidente, César Mosquera, sinalou que “a Xunta estalle sisando directamente aos concellos. É imposible defender o que están facendo. A Deputación está asumindo máis de 20 millóns de euros anuais en competencias impropias e son cartos que, de non ser así, poderían ir aos concellos. Nin sequera pedimos que se compense á Deputación, senón aos concellos, porque está claro que a Xunta quéreos de “pagafantas”.

    A moción aprobada hoxe lembra que os concellos foron obrigados a soportar os gastos de desinfección dos colexios e dos parques infantís, apoiar ás familias con menos recursos tanto na súa protección social como no acceso a material escolar informático, ademais de quedar sos na inxección de axudas ao comercio e ás pemes locais. Gastos extraordinarios que súmanse a outros que xa son sistémicos como o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a planificación das políticas activas de emprego, os programas de loita contra a violencia de xénero, a xestión das franxas forestais de 50 metros ao redor dos núcleos rurais ou a loita contra a fenda dixital no rural. O texto aprobado tamén rexeita que o reparto dos fondos autonómicos para a mellora dos camiños rurais estean dispersos e sexan pouco transparentes en lugar de agruparse nunha única partida. Ao mesmo tempo pide a modificación no modelo do canon da auga para que cada concello quede cun 50% da recadación e o resto se invista con maior claridade. Finalmente, plantexa un novo marco de relación entre Portos de Galicia e os concellos litorais da provincia que acabe co problema das taxas abusivas por parte do ente autonómico.

    Por outra banda, o Pleno rexeitou a moción presentada polo PP sobre as contías da recadación do IVE non liquidadas ás entidades locais na Participación dos Ingresos do Estado do ano 2017, asunto que xa tiña sido debatido o pasado febreiro. Font definiuna como “unha emenda á totalidade do PP contra as políticas económicas do PP, unha emenda en diferido a Mariano Rajoy”.

    Obras en Ponteareas e na A-52

    Por outra banda, rexeitouse outra moción do PP para reclamar a execución da Variante de Ponteareas, a mellora da seguridade viaria na N-120 e o desdobre do enlace de Lentille (Covelo) entre a A-52 e na N-559. Font explicou que o PP prometeu a Variante de Ponteareas en 2011 coa sinatura dun protocolo en plena campaña electoral das Eleccións Municipais que impoñía á Xunta a redacción do proxecto e ao Goberno do Estado a execución das obras. Tódolos compromisos foron incumpridos pola ex-ministra de Fomento Ana Pastor e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. A día de hoxe, o Goberno de España xa está a redactar o proxecto, cunha partida incluída nos Orzamentos Xerais do Estado 2021, e comezará as obras en canto os trámites estean rematados.

    Sobre a N-120 explicou que “estamos na mesma historia: o PP promete, pero logo nin sequera fai o proxecto”. Explicou que xa hai un anteproxecto redactado, que deseña unha senda peonil de 5 Km e 6 rotondas, así como a mellora da iluminación, que foi amosado ao Concello e á Plataforma veciñal e que colma as expectativas. No que atinxe ao enlace de Lentille lembroulle que o propio Rajoy asinou un documento de compromiso público en 1996 “e, dende entón, en tódalas etapas de goberno do PP en Madrid non fixo nada”. Ademais recordou que o Ministerio de Fomento, sendo titular Íñigo de la Serna, emitiu unha resposta parlamentaria na que subliñou que as necesidades de comunicación coa A-52 nesta zona estaban correctamente atendidas cos enlaces existentes e tendo en conta o escaso tráfico soportado pola N-559.

    Débeda provincial

    Finalmente, o Pleno da Deputación aprobou un expediente de modificación de créditos que, entre outras cousas, significa a práctica eliminación da débeda provincial, que queda reducida a só 1,5 millóns de euros, un pasivo que foi cualificado como “residual” polo deputado”. O voceiro do grupo socialista lembrou que cando o actual equipo de Goberno asumiu o control da institución no ano 2015 a débeda estaba en case 41 millóns de euros, “polo que podemos falar dunha xestión moi seria e dun saneamento espectacular”.

    A modificación orzamentaria aprobada hoxe utiliza os 2.091.851,97 de euros obtidos pola venda de parcelas no polígono de Barro para a amortización extraordinaria, culminando así a senda de consolidación económica iniciada en 2015, situando á Deputación nun escenario de máxima solvencia financeira.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.