Luns, 10 Febreiro de 2025

O Parque Nacional das Illas Atlánticas oferta 130 prazas para realizar visitas guiadas nos catro arquipiélagos esta primavera

A través do programa Descubrindo o Parque Nacional, a Xunta ofrece un total de sete rutas de temática histórica e ambiental durante os meses de febreiro, marzo e abril

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia oferta preto de 130 prazas para realizar visitas guiadas aos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada esta primavera. No marco do programa Descubrindo o Parque Nacional, a Xunta ofrece un total de sete rutas de temática histórica e ambiental durante os meses de febreiro, marzo e abril co obxectivo de dar a coñecer os principais valores e singularidades deste espazo natural protexido nunha época do ano distinta ao verán.

As rutas, con guía de balde para os participantes, desenvolveranse en grupos reducidos para ofrecer unha mellor calidade da visita aos espazos protexidos. Ao mesmo tempo, para garantir a participación do maior número de interesados, limítase a inscrición a unha actividade por persoa. Con todo, habilitarase unha listaxe de agarda coa que cubrir posibles baixas.

As persoas interesadas en participar no programa Descubrindo o Parque Nacional deberán reservar a súa praza no apartado das Illas Atlánticas da central en liña do Organismo Autónomo de Parques Nacionais ou directamente nas oficinas do Parque Nacional galego, no edificio Cambón de Vigo. As inscricións poderanse realizar desde mañá, xoves, 1 de febreiro, e o último día para anotarse a cada unha das rutas será catro xornadas antes da realización da mesma.

En canto ao transporte ás illas, farase a través das distintas embarcacións que se ofrecen, en función da illa a visitar, e o custo deberá ser sufragado polos participantes. O importe aboarase á empresa de transporte con anticipación, unha vez o parque lle envíe un correo electrónico cos datos de pago.

A temática das rutas é moi diversa; dende o carácter histórico e botánico da illa de Cortegada con O segredo dun bosque no mar, pasando polas rochas de Sálvora coas súas Esculturas e lendas e polos lugares pouco coñecidos de Ons coa ruta A illa e o mar, ata chegar á historia das Cíes a través da visita proposta baixo o título Viaxe no tempo. En todos os casos, son itinerarios recomendados para maiores de 12 anos.

A continuación, indícanse o calendario, portos de saídas e número de prazas por cada actividade:

IllaDataRutaPortoPrazas
Ons13 de abrilA illa e o marBueu20
20 de abrilA illa e o marBueu20
Cíes17 de febreiroUnha viaxe no tempoVigo20
Sálvora24 de febreiroUnha illa de esculturas e lendasO Grove20
17 de marzoUnha illa de esculturas e lendasO Grove20
Cortegada3 de marzoO segredo dun bosque no marCarril15
7 de marzoO segredo dun bosque no marVilagarcía12