Os colexios da provincia xa se poden acoller ao programa ‘Coñece o Museo de Pontevedra’ e concertar visitas didácticas para achegar ás e aos seus escolares toda a riqueza cultural das coleccións do Museo. Para cumprir con ese obxectivo, a Deputación de Pontevedra financiará unha visita e un autobús por centro escolar ata esgotar a dotación orzamentaria.
As visitas das nenas e nenos, xunto ao seu profesorado, realizaranse dentro do horario de apertura ao público do Museo, entre as 10 h e as 21 horas, e o tempo de visita poderá variar entre unha hora e unha hora e media en función do itinerario elixido.
Poderase escoller entre percorridos de carácter xeral ou temáticos segundo o nivel do alumnado, e o grupo visitante irá sempre acompañado polo persoal do gabinete didáctico, quen dependendo da modalidade escollida poderá facerlle entrega ao alumnado de material educativo complementario.
A Deputación de Pontevedra farase cargo dos gastos da visita didáctica, así como do transporte do grupo escolar ata o Museo (un autobús por centro) ata esgotar a dotación orzamentaria. Quedarán excluídos da axuda económica para o transporte os centros escolares do núcleo urbano da cidade de Pontevedra.
Para concertar a visita e tramitar a subvención é preciso concertar a actividade co gabinete didáctico do Museo a través do teléfono 986 804 100 (extensións 42412 e 42413), ou a través do correo electrónico [email protected]. Unha vez reservada a data, é preciso cubrir o formulario de solicitude e presentalo, xunto co orzamento detallado da empresa de transporte –a tramitar polo colexio–, cunha antelación de polo menos 15 días á súa realización.
Existen varias fórmulas para a presentación dos trámites: no rexistro administrativo da Deputación de Pontevedra; na súa sede en Vigo; nos rexistros electrónicos de calquera órgano administrativo que pertenzan á administración local ou autonómica (Oral, concellos, ou Xunta de Galicia); nas oficinas de Correos por envío certificado; ou por vía electrónica a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra.
Para máis información sobre o programa os centros escolares poden chamar ao teléfono 986 804 100, extensións 42412 e 42413, ou solicitala a través do correo electrónico: [email protected].