13.3 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Museo celebrará os seus primeiros premios 'Q' de calidade e 'S'...

    O Museo celebrará os seus primeiros premios ‘Q’ de calidade e ‘S’ de sustentabilidade

    Será o vindeiro martes 24 ás 19.30 horas con capacidade limitada

    O Museo de Pontevedra quere celebrar que é a primeira entidade museística de todo o estado en recibir de maneira conxunta os Premios ‘Q’ de calidade e o ‘S’ de sustentabilidade concedidos polo Instituto de Calidade Turística de España (ICTE). E quere facelo coa veciñanza en Pontevedra, polo que logo de recoller este xoves en Madrid o premio da man da presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o director Xosé Manuel Rey na denominada #NocheQ, a celebración seguirá na cidade do Lérez o vindeiro martes  cun acto de conmemoración no que haberá música e audiovisuais.  

    Segundo explica o vicepresidente Mosquera, quérese compartir coa cidadanía que o Museo “é unha institución con grande potencia, agora recoñecida con estas distincións de calidade e sustentabilidade de forma certificada, pero aínda por desenvolver todos os seus recursos, algo que debe facer da man de todas e todos os pontevedreses”. Por iso, ao acto do martes estarán convidadas ademais das persoas integrantes do Consello Asesor do Museo, as deputadas e deputados da Corporación Provincial e os concelleiros da Corporación municipal de Pontevedra, así como todas as persoas que o desexen (previa inscrición en reservas.museo@depo.gal xa que a capacidade é limitada).

    O acto será o martes 24 ás 19.30 horas no Edificio Castelao e contará coa actuación musical do grupo Mallou – recentemente galardoado co  XIV Premio Narf-, coa proxección dun audiovisual sobre o traballo do Museo, con discursos institucionais, así como coa participación de representantes da restauración e hostalería que dispoñen tamén do galardón da ‘Q’ de calidade na cidade de Pontevedra: Ultramar, Eirado da Leña e Parador de Turismo.

    Previamente á celebración local, este xoves 19 de xaneiro ás 21:00 o Museo recollerá os seus galardóns na Gala da Noite Q, onde o ICTE organiza a gran festa do sector turístico español, terá lugar o na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles en Madrid , coincidindo con FITUR. A Gala ten como obxectivo recoñecer a todas as empresas e organizacións turísticas que apostan pola Calidade Certificada.

    Excelencia na xestión

    O Museo de Pontevedra referendou a súa aposta pola excelencia co recoñecemento da esixente marca “Q” de calidade turística, que promoven o ICTE (Instituto para a Calidade Turística Española) e a Asociación Española de Normalización UNE o pasado verán. Só dispoñen deste selo, entre os grandes museos españois, o Guggenheim de Bilbao, o Museo Thyssen-Bornemisza, en Madrid, e o MARQ de Alacante. O Comité de Certificación do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), de feito, concedeu ao Museo de Pontevedra unha cualificación sobresaínte na súa avaliación.

    A puntuación media foi de 9,4 sobre 10, o que avala o cumprimento rigoroso da xestión da calidade na prestación de diferentes servizos á cidadanía, incluíndo aspectos tan importantes como a accesibilidade, a atención ao visitante, a sinaléctica, a comunicación e información ás persoas usuarias ou a xestión de visitas e actividades educativas e culturais.  Neste último apartado obtivo unha puntuación de 10.

    Por outra parte, o Museo recibiu tamén o ‘S’ de sustentabilidade, converténdose no primeiro museo de España en recibir esta distinción (xunto coa Q de calidade). Este selo certifica a contribución do Museo aos obxectivos de desenvolvemento sostible mediante auditorías e cos máximos estándares de calidade. Isto permite ao Museo de Pontevedra aliñar a súa xestión cara ao cumprimento da Axenda 2030 da ONU mediante accións concretas adaptadas a esta institución. O plan de sostibilidade do Museo certificado polo ICTE céntrase en concreto en tres obxectivos: educación de calidade, igualdade de xénero e enerxía asequible e non contaminante.

    A obtención dos distintivos forma parte das accións contempladas no Plan Xeral de Actuación 2019-2023 do Museo, e reforza a súa aposta decidida pola calidade e a excelencia en tódolos ámbitos da súa xestión operativa diaria, por ofrecer a cada visita a mellor experiencia cultural e turística posible, e por converterse nun referente a nivel nacional e internacional no ámbito do turismo cultural.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.