10 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO CAAN da Deputación bate o seu récord anual de adopcións a...

    O CAAN da Deputación bate o seu récord anual de adopcións a dous meses de que finalice 2020

    O Centro de Acollida e Protección de Animais logrou ata agora encontrar un fogar a 467 cans e cadelas superando xa a cifra das rexistradas en todo 2019

    Coa saída de “Noa”, “Tula”, “Toba”, “Morito” e “Coba”, o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra vén de superar o seu récord anual de adopcións acadado o pasado 2019, cando aínda faltan dous meses para que remate este ano. Cun total de 467 cans e cadelas que atoparon un fogar nestes dez meses, a cifra deste 2020 cobra aínda maior relevo pola situación da pandemia, que obrigou a suspender estes procesos entre marzo e maio co estado de alarma.

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou que este magnífico balance do CAAN, que supón unha media de 1,5 animais adoptados cada día, anima á institución provincial “a seguir traballando polo benestar destes cans e cadelas que temos no centro, co obxectivo último de procurarlles un fogar en condicións”. e Carmela Silva destacou o éxito que están a ter as campañas para a adopción, de feito xa son  máis de 2.400 as adopcións acadadas desde 2015, e confía en que ao remate deste 2020 se poderá superar o obxectivo marcado pola institución de 500 animais adoptados, a pesar dos meses de parón pola Covid-19.

    Máis polo miúdo, desta cifra total de 467 adopcións, 454 formalizáronse en España e 13 en Portugal. Das primeiras, 417 corresponden a fogares galegos, mentres que o resto dos animais viaxaron a Castela León (18), Asturias (5), Cataluña (4), Madrid (3), País Vasco (3) e Andalucía (3). En Galicia a maior parte das adopcións, foron na provincia de Pontevedra, cun total de 337, seguidas por Lugo (55), A Coruña (23) e Ourense (2). E dentro da provincia, a cidade de Pontevedra ten o maior número de adopcións (37); seguida de Vigo (32), Meis (24), A Estrada e Sanxenxo (ambos concellos con 20), Cambados (18) e Marín e Vilagarcía (14).

    Entre estas adopcións hai que destacar aos tres animais que máis tempo levaban no CAAN, “Apro”, que pasou seis anos no centro, e “Coqui” e “Nikita”, que estiveron catro. No primeiro caso, “Apro”  entrou no CAAN en xullo do 2014 sendo un cachorro de só tres meses e fora recollido polo persoal do centro abandonado en Barcela, no concello de Arbo. Agora chámase “Bico” e vive cunha nova familia en Madrid. A testemuña de veterano do centro a recolleu entón “Coqui”, que fora recollido no 2016 en Silleda con tan só tres meses, pero este ano tamén puido deixar as instalacións da Armenteira tras ser adoptado por unha familia en Marbella. Amais, neste pasado mes de outubro marchouse a Granada “Nikita”, tamén nacida no 2016 e que levaba toda a súa vida no CAAN, xa que chegou con tan só un mes de idade xunto a outros seis membros dunha mesma camada abandonados en Lalín. Ela fora a única supervivente.

    Na actualidade, a veterana do CAAN é “Marce”, que leva os seus tres anos de vida no centro. Esta cadela entrou con dous meses de idade en abril do 2017 xunto ao seu irmán “Teodoro”, despois de que ambos foran abandonados en Lalín, pero este último fora adoptado tan só un mes despois. Xunto a ela esperan adopción nestes momentos no centro outros 230 animais.

    Recollidas: baixan os abandonos

    Estas magníficas cifras de adopcións teñen o seu contrapunto nas recollidas que leva desde xaneiro o CAAN, cun total de 988, tamén a pesar de que durante o estado de alarma restrinxírase o servizo aos casos de necesidade. Non obstante, hai que sinalar que a cifra segue a reflectir a tendencia á baixa no número de recollidas dos últimos anos, que foron descendendo das 1.788 no 2018 ás 1.332 o pasado 2019. Amais, preto da metade dos 988 animais que levamos no que vai de ano puideron ser devoltos ás persoas propietarias, 284 deles no mesmo lugar onde se produciu o aviso da súa aparición e 188 os recolleron nas propias instalacións do CAAN.

    O CAAN da Deputación presta servizo a 50 concellos da provincia, despois das adhesións neste 2020 de Ponteareas e O Porriño. Hai que lembrar que as adopcións no centro son gratuítas e o persoal sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitar o centro como para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360. Os animais saen do centro vacinados, con chip, desparasitados e esterilizados.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.