16.5 C
Pontevedra
Domingo, 12 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Areeiro elabora unha Guía de Limpeza e Desinfección de espazos públicos...

    O Areeiro elabora unha Guía de Limpeza e Desinfección de espazos públicos para todos os concellos da provincia

    Desaconséllase todo tipo de varrido en seco, especialmente o soprado, e recoméndase a utilización de derivados do amoníaco e deterxentes adecuados para a limpeza e baldeo, así como de lixivia, diluída na proporción correcta, para a desinfección

    A Deputación de Pontevedra está a enviar a tódolos concellos da provincia unha guía gráfica cos protocolos de limpeza, baldeo e desinfección correctos na limpeza viaria para combater a pandemia causada polo coronavirus. O documento, elaborado polos técnicos da Estación Fitopatolóxica O Areeiro, parte do protocolo publicado polo Ministerio de Sanidade e incorpora pautas e consellos moi útiles para que o persoal municipal encargado deste servizo poida realizalo coa maior eficacia e, tamén, coas axeitadas medidas de autoprotección.

    O documento subliña que diante desta situación, a limpeza viaria resulta de especial importancia para contribuír a eliminar a carga viral que poida existir nas vías públicas e nos espazos comúns. Deste xeito, a guía distingue claramente as tres fases de varrido, baldeado e desinfección das vías públicas e prescribe as boas prácticas en cada unha delas, así como os produtos máis efectivos.

    Suxírese a utilización de equipos completos de protección para o persoal que realice os traballos específicos de desinfección de espazos ou elementos públicos

    Así para o varrido recoméndase exclusivamente o varrido húmido, nunca en seco para evitar a propagación do virus. Desaconséllanse, de xeito expreso durante esta situación de alerta sanitaria, os soprados na vía pública. Ademais os varridos húmidos deben realizarse con auga a pouca presión ou pulverizada, evitando salpicar o enchoupar as superficies. Cómpre engadir produtos con do amonio cuaternario , pois os derivados do amoníaco son axentes biocidas cun amplo espectro de eliminación de microorganismos, incluídos os virus.

    Para a correcta realización de baldeo de rúas, prescríbese o uso dos camións e vehículos específicos de limpeza municipal e a utilización de auga con deterxentes de arrastre específicos para a limpeza viaria e na concentración indicada na ficha de cada produto concreto. Para os casos nos que se pretenda acometer o baldeo incluíndo a desinfección, o aconsellado é substituír os deterxentes polos derivados do amonio cuaternario.

    Finalmente, en canto á etapa de desinfección, sublíñase que está especialmente recomendada para espazos con afluencia pública onde as posibilidades de contaxio multiplícanse, con especial atención aos accesos a centros sanitarios, farmacias, edificios públicos, supermercados, residencias, lugares de pernoita das persoas sen fogar, etcétera. Os traballos de desinfección deben realizarse con lixivia (hipoclorito sódico) ao 0,1% (20 ml de lixivia por litro de auga) e utilizando mochilas pulverizadoras. Para o caso de ser preciso desinfectar superficies de mobiliario público ou calquera outro elemento da vía pública poden utilizarse os produtos virucidas autorizados polo Ministerio de Sanidade. Como medida de precaución aconséllase que o persoal operario que realice estes labores de desinfección actúe provisto de equipos de protección de acordo coa normativa sobre axentes químicos e biolóxicos, incluíndo ademais unha formación básica sobre a súa correcta utilización e manipulación

    A periodicidade dos labores de limpeza e desinfección dependerá en cada caso da afluencia a cada lugar, de xeito que será máis intensa nos edificios e locais de acceso público durante o vixente estado de alarma.

    Por outra banda, a Deputación xa ten en marcha as actuacións de limpeza e desinfección en todo o recinto do Centro Príncipe Felipe, que continúa coa súa actividade, en medio de intensas medidas de seguridade, como centro de internado para os menores alí acollidos. Esta mesma mañá realizáronse traballos de baldeo e desinfección cun camión-cisterna no marco dos protocolos adecuados tanto en protección dos operarios, como de utilización de produtos e desaloxo das rúas e espazos afectados. Asemade, tamén esta mesma mañá realizouse unha limpeza húmida e posterior desinfección dos accesos ao Pazo Provincial e o Edificio Administrativo, na avenida de Montero Ríos. Estes labores, que se repetirán cunha cadencia de dúas veces á semana, están supervisados polo equipo técnico da Estación Fitopatolóxica O Areeiro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.