9 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO anteproxecto da rehabilitación de Santa Clara será levado a cabo por...

    O anteproxecto da rehabilitación de Santa Clara será levado a cabo por un estudio con premios de arquitectura internacionais

    Nieto Sobejano, Kengo Kuma, a UTE David Chipperfield-Carlos Seoane, Kaan, e a UTE Snohetta-Alfonso Penela son as cinco equipas de arquitectura que aspiran a facer o proxecto final para a rehabilitación e ampliación de Santa Clara para o seu uso como museo. Trátase de finalistas de “máximo nivel” que acumulan alomenos 77 premios de talla internacional e centos de obras executadas arredor de todo o mundo.

    Os nomes dos estudos de arquitectura seleccionados foron comunicados pola presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera. “Pretendiamos un concurso de anteproxectos verdadeiramente internacional. Queriamos que viñeran as mellores equipas de arquitectura do mundo… Xa nos presentados se cumpliu, e nos seleccionados agora volve reproducirse”, dixo o responsable do Museo, quen para dar unha mostra do nivel existente salientou que a equipa responsable do Museo Memorial do 11S en Nova Iorque, do MoMa de San Francisco ou da Biblioteca de Alexandría, por exemplo, apenas quedou en quinto lugar na puntuación total do concurso. “Hai cousas espectaculares”, subliñou .

    O vicepresidente Mosquera quixo agradecer “a panzada” de traballo da equipa do Museo para analizar toda a documentación das 23 equipas aspirantes: valoráronse 6.679 folios e 629 proxectos (dos que 160 eran de Museos). As firmas seleccionadas presentaron 163 actuacións nos seus portfolios, 56 delas propostas de museos xa executados.

    Hoxe na Xunta de Goberno apróbase a selección dos cinco finalistas e a dotación de 30.000 euros para cada un. A semana próxima serán convidados para abrir a segunda fase, de elaboración dos anteproxectos, para a que haberá tres meses. Antes disto darase aos aspirantes toda a documentación existente (patoloxías, arqueolóxico…), e fixarase un día para coñecer ‘in situ’ Santa Clara.

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que “imos vento en popa a toda vela coa rehabilitación de Santa Clara, e temos unha eficacia que nos ten gratamente sorprendidas e sorprendidos”. Lembrou, como xa fixo en anteriores ocasións, que “estamos cumprindo rigorosamente todos os prazos que nos déramos para que poidamos ter moi pronto todo o procedemento finalizado e así poder licitar a rehabilitación e ampliar o Museo de Pontevedra en Santa Clara”.

    En canto ás propostas presentadas, Carmela Silva salientou que “as grandes equipas internacionais de arquitectura que resultaron con máis puntuación, e que serán as que teñan a posibilidade de desenvolver un anteproxecto para Santa Clara, fixeron as obras máis importantes do mundo”, unhas obras que “hoxe son grandes exemplos e que permanecerán na historia como grandes proxectos arquitectónicos”. Isto, afirmou, fará que “nós aquí, na provincia, imos ter a posibilidade de contar cunha rehabilitación de Santa Clara que tamén, estou segura, será algo único, que nos situará no mundo e que moita xente virá visitar”.

    As equipas finalistas

    O futuro conxunto arquitectónico de Santa Clara poderá recaer nas mans de  dous arquitectos de Madrid, dous de Galicia, un de Xapón, outro de Reino Unido, unha equipa holandesa e outra de Noruega. Nieto Sobejano (que acadou 100 dos 100 puntos posibles con 42 proxectos presentados para valorar) é un estudo madrileño que ten entre as súas obras máis destacadas o Museo de Madinat ao-Zahra, o Museo de Moritzburg en Ache, a rehabilitación do Colexio de San Gregorio en Valladolid, o Museo Joanneum en Graz, o Centro de Arte Contemporánea de Córdoba e o Centro Arvo Pärt en Estonia.

    O estudo Kengo Kuma & Associates (99,5 puntos e 27 proxectos entregados) foi creado por Kengo Kuma en 1990 en Tokyo e en 2008 en Paris. Está inscrito á Orde de Arquitectos Franceses d’Ile-de-France , é membro internacional da RIBA (Royal Institue of British Architects) en Inglaterra e membro honorario do AIA (American Institute of Architects) nos Estados Unidos. Entre as súas obras máis salientables están o Instituto de Belas Artes de Nezu (Tokyo) –con 3 premios internacionais-, o V&A Museum of desing Dundee (Escocia)-con 3 premios internacionais-, a Casa dos Contos HC Andersen (Dinamarca), ou o Odunpazari Museo de Arte Moderno (Turquía), entre moitos outros.

    A UTE formada por David Chipperfield-Seoane (98 puntos -30 proxectos) aúna a experiencia do arquitecto inglés e o galego.  Chipperfield é catedrático de Arquitectura  e profesor invitado na Universidade de Yale. Comendador da Orde do Imperio Británico, deseñador Real para a industria en 2006, membro da Royal Academy en 2008, condecorado coa Orde do Mérito da República Federal de Alemania, e recoñecido (Sir) polos seus servizos á arquitectura en Reino Unido e Alemaña. Recibiu tamén a Real Medalla de Ouro da Arquitectura do RIBA concedida en recoñecemento a toda unha vida de traballo. Seoane, pola súa parte, fundou CSA Arquitectura en A Coruña en 1995, e dende hai anos traballa con Chipperfield como arquitecto asociado para as súas obras en Galicia. Entre as obras salientables destacan o Neues Museum (Berlín) –con 19 premios internacionais-, a James Simon Galerie (Berlín) -5 premios internacionais-, Jacoby Studiios (Alemania) -5 premios internacionais-, ou Amoreapacific (Seul, Corea do Sur) -6 premios internacionais-.

    KAAN Architecten  (95 puntos- 35 proxectos) é un estudo de arquitectura con sede en Róterdan, São Paulo e París que opera a nivel mundial e combina a experiencia práctica e académica nos campos da arquitectura, o urbanismo e a investigación sobre a contorna construída.

    Dirixido por Kees Kaan, Vincent Panhuysen e Dikkie Scipio. Entre a súa obra máis destacada está o Real Museo de Belas Artes (Amberes, Bélxica) -2 premios internacionais-, o Catharijneconvent (Utrech) ,1 premio internacional-, o Tribunal Supremo dos Países Baixos. (La Haya) -2 premios internacionais-, ou o Plan de actuación e a intervención paisaxística do Monte do Gozo.

    Finalmente, a UTE Snohetta e-Alfonso Penela (94,80 puntos- 29 proxectos) xuntan forzas para aspirar a remodelar Santa Clara cunha bagaxe de proxectos moi mediática. Snøhetta comezou como un taller colaborativo de arquitectura e paisaxismo. Na actualidade conta  con 280 empregados de máis de trinta nacionalidades diferentes e unha distribución equitativa por xénero.Ten presenza global, con oficinas que van desde Oslo, París e Innsbruck, ata Nova York, Hong Kong, Adelaida e San Francisco.

    Nos últimos anos Snøhetta deseñou algúns dos proxectos públicos e culturais máis notables do mundo. Iniciou a súa carreira en 1989 coa proposta gañadora do concurso para a nova biblioteca de Alexandría, Exipto. Isto foi seguido máis tarde pola comisión da Ópera e Ballet Nacional de Noruega en Oslo, e o Pavillón do Museo Nacional Conmemorativo do 11 de Setembro no World Trade Center na cidade de Nova York, entre moitos outros.

    Pola súa banda Alfonso Penela é profesor do Departamento de Proxectos Arquitectónicos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e ten moita obra en Vigo . Entre outras, a rehabilitación da Casa Arines, a máis antiga da cidade, e do Xeral como Cidade da Xustiza, e do Mercantil como sede do Celta. O novo Reitorado e Barrio do Cura son outras obras destacadas.

    O xurado

    O xurado que estudará os anteproxectos para escoller o mellor deseño tamén se deu a coñecer hoxe e aprobarase mañá en Xunta de Goberno. Estará formado por especialistas, xa que a lexislación marca que pola natureza do contrato debe estar formado en dúas terceiras partes por persoas con titulación para poder desenvolver os proxectos: fundamentalmente equipas de arquitectura e museoloxía.

    Como presidente estará o director do Museo Xosé Manuel Rey, e como vogais a xefa de xestión do Museo Sonia Mateos, o secretario da Deputación Carlos Cuadrado, a xefa e tamén unha arquitecta do servizo provincial de Arquitectura Mª Carmen Gómez e Sara Piñón –respectivamente-. A arquitecta que designa a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta é Belén Suárez –xefa do servizo de Arquitectura na delegación en Pontevedra-, a persoa designada polo Concello de Pontevedra é Rosa Magdalena Fernández, e a designada polo COAG, Jesús Irisarri Castro.

    Na convocatoria do xurado inclúense tamén dúas persoas arquitectas de recoñecido prestixio designadas pola Deputación, Teresa Táboas, que ademais da súa experiencia está no Consello Asesor do Museo, e Gonçalo Byrne, presidente da Orden dos Arquitectos de Portugal, xunto a unha persoa con coñecementos específicos en Museoloxía, Pilar Fatás, que é directora do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira en Cantabria. Como secretario actuará o xefe do servizo de Contratación provincial, Pablo Montero.

    En relación á composición do xurado, Carmela Silva salientou “algo extraordinario e nada habitual: que é un xurado paritario, e non só paritario, senón maioritario” en canto ao maior número de mulleres compoñentes respecto a homes. No xurado, polo tanto, “hai grandes mulleres con traxectorias moi importantes para tomar grandes decisións”, asegurou a presidenta, que agradeceu “a sensibilidade” ao equipo do Museo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.