14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaMúsica, gastronomía, poesía e camelias para lembrar a Rosalía de Castro os...

    Música, gastronomía, poesía e camelias para lembrar a Rosalía de Castro os días 23 e 24

    A Deputación de Pontevedra presentou as actividades organizadas co gallo do Día de Rosalía, coordinadas polos departamentos de Lingua e Cultura

    “Dous días grandes, grandes e grandes cunha programación marabillosa na que todo o mundo vai poder levar para a casa moitos elementos que identifican a Rosalía de Castro”. Así describiu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada das deputadas de Cultura e Lingua, Victoria Alonso, e María Ortega, os actos que celebrará a institución provincial os días 23 e 24 de febreiro nas sedes de Pontevedra e Vigo para conmemorar o Día de Rosalía. Para poder asistir ás celebracións a Deputación vén de habilitar un formulario de inscrición na súa páxina web.

    A presidenta amosouse “moi orgullosa deste equipo de goberno, que cada ano sorprende con iniciativas novidosas que apostan moi fortemente pola nosa lingua, pola nosa cultura, e pola participación activas da mocidade nas nosas propostas”. O Día de Rosalía é “un dos máis grandes de Galicia”, asegurou, “e por iso o imos celebrar con creatividade e paixón, como ningunha outra administración”. Os actos celebraranse o 23 de febreiro no Salón de Plenos do Pazo provincial e o 24 de febreiro na sala Rosalía de Castro da sede de Vigo ás 19:00 horas, nos que xunto co recordo á nosa autora universal serán protagonistas a música, a poesía, a gastronomía ou as camelias.

    Tamén o serán as nenas e nenos da provincia. Como sinalou  a deputada de Cultura, Victoria Alonso, a Deputación lanzou a segunda edición do concurso “A Nosa Rosalía”, que busca achegar esta figura ao público máis novo e cuxos traballos gañadores se anunciarán durante os actos. Esta edición o concurso adopta o formato musical e cada aula ou grupo escolar pode presentar un vídeo breve coa súa proposta de poema de Rosalía musicado, acompañado opcionalmente dunha coreografía, canto, etc. Pode participar todo o alumnado dos centros de educación primaria de maneira colectiva (por aulas ou grupos e sen límite por centro), e establécense as categorías “Campaniñas” (de 1º a 3º de primaria) e “Airiños” (de 4º a 6º de primaria).

    A Deputación outorgará 3 premios por categoría. Cada un recibirá un lote de libros e, a maiores, o mellor poema musicado de cada categoría gañará unha actuación no seu centro educativo da representación de monicreques “A viaxe de Rosalía”, na que Larraitz Urruzola dará a coñecer parte da obra rosaliana e fragmentos da súa biografía. A Deputación recibirá os traballos ata o 17 de febreiro a través do enderezo anosarosalia@depo.gal.

    A deputada, que lembrou o “compromiso coa difusión da figura de Rosalía de Castro” e a sorte de “sermos un dos poucos pobos que son identificados cunha muller”, confirmou que a música tamén estará presente nas celebracións coa actuación do cuarteto belga de pandeireteiras Lalma. Estas netas de emigrantes refuxiadas e refuxiados en Bélxica identifícanse con Rosalía e foron recibindo, non sen medo, o relato das súas familias sobre o amor á súa terra.

    O público non irá á casa coas mans baleiras, xa que recibirá como obsequio exemplares da camelia, ‘Rosalía de Castro’ queforma parte do Xardín de Camelias con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior. Tamén recibirán plantas desta camelia os centros gañadores do concurso infantil para plantalos nos recintos escolares e alí sementar e ver medrar a esencia de Rosalía.

    A deputada de Lingua María Ortega, destacou que o departamento vai encher de ‘contido rosaliano’ a Deputación non só o Día de Rosalía, senón todo o ano xa que a autora “é a nosa escritora galega máis universal e tamén un símbolo nacional da Galiza”. Explicou que neste mes nos actos institucionais a Deputación vai ir da man de dúas entidades coas que está a estreitar colaboración: a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Fundación Rosalía de Castro.

    Ortega explicou que nas celebracións provinciais serán as autoras Míriam Ferradáns en Pontevedra e Marta Dacosta en Vigo as que lerán o tradicional manifesto da entidade, escrito este ano por Beatriz Maceda Abeleira baixo o título ‘Pensarte libre’, que segue o lema da AELG para 2022 de #SementadePensamentos. O manifesto entregarase en formato físico nos actos institucionais e será difundido nas redes sociais e tamén na web depo.gal.

    Ademais, seguindo a chamada que fai a AELG desde 2010, a Deputación agasallará a todas as persoas que participen nos actos de Pontevedra e Vigo cun libro en galego, neste caso da Colección Medal do servizo editorial do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación: unha serie de poesía feita por mulleres que se estreou o pasado ano coa publicación de ‘Violetas no asfalto’ de Lucía Novas.

    Por outra banda, a deputada de Lingua explicou que no día especial de Rosalía o departamento decidiuse a reivindicar a cultura gastronómica popular galega e o Caldo de Gloria –sobre o que escribiu Rosalía no poema de Follas Novas ‘Miña casiña , meu Lar’ e que ten un gran significado social– e a compartir ese prato co público asistente aos seus actos institucionais. Así, en Pontevedra o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza encargarase de elaborar e servir un caldo de gloria, da man de 10 alumnas e alumnos de cociña acompañados do seu profesorado e cos medios da súa Ponte Van. En Vigo repetirase a iniciativa co CIFP Manuel Antonio. Como outro agasallo conmemorativo, as persoas asistentes poderán levar para a casa a cunca de olaría artesanal que utilicen para a degustación.

    Finalmente, o presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira participará do acto institucional para deixar constancia da colaboración iniciada o pasado ano coa Deputación. Seguindo unha proposta da entidade, imprimiranse e distribuiranse entre os concellos e a hostalería da provincia milleiros de unidades de manteis individuais que inclúen o poema ‘Miña casiña, meu lar’.

    O Día de Rosalía adiouse oficialmente ao 23 de febreiro tralo acordo da Fundación Rosalía de Castro e as principais institucións implicadas, baseándose nos resultados do traballo da investigadora Sagrario Abilleira no que se acredita que este foi o día de nacemento da autora.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.