18.4 C
Pontevedra
Martes, 26 de Setembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaLuz verde a ReacPon, o maior plan de investimento público da historia...

    Luz verde a ReacPon, o maior plan de investimento público da historia da Deputación

    A presidenta Carmela Silva convoca para o luns aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes para dar a coñecer o plan ás alcaldesas e alcaldes da provincia

    O Pleno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a ReacPon, Reacción Pontevedra Provincia, dotado cun orzamento de 47,2 millóns de euros, que vén de converterse, tal e como o cualificou o portavoz Carlos Font, “no maior plan de inversión pública da historia da institución”. ReacPon, que será presentado o vindeiro luns aos 59 concellos da provincia nunha reunión á que teñen sido convocadas/os todas as súas alcaldesas e alcaldes, está dirixido a impulsar a economía da provincia xerando actividade e creando ou mantendo o emprego para paliar as consecuencias da covid-19. Coa aprobación no pleno, esta potente inxección de recursos súmase xa aos 168 millóns do orzamento provincial para este ano.

    O plan, que contou cos votos a favor do grupo socialista e nacionalista e a abstención do grupo popular, é “unha resposta contundente a este período escuro e unha aposta inequívoca polo investimento público como ferramenta para estimular a actividade económica” asegurou o portavoz Carlos Font. Estará aliñado coas dez políticas panca do Plan de Transformación do Goberno do Estado, cos cinco obxectivos de cohesión europea 2021/2027 e coa Axenda 2030 e contará con dous programas: o ReacPon Deputación para a mellora das dotacións provinciais e equipamentos provinciais, dotado con 27,2 millóns de €; e o ReacPon Concellos, dirixidos aos concellos e dotado con 20 millóns de €.

    O deputado socialista Carlos López Font (na primeira fila) e o vicepresidente da Deputación, nacionalista César Mosquera

    O vicepresidente César Mosquera sinalou que “cando presentamos os orzamentos xa advertimos de que pasariamos de 200 millóns de euros, que era unha cifra nunca vista nesta Deputación”. Asegurou que o Plan é a consecuencia dunha política planificada, que consiste en “facer peto” cando a economía vai ben e estimulala nos períodos complicados a través de obras e actuacións. Tamén destacou que o ReacPon nace con vocación de inmediatez para acelerar a reacción económica na provincia: “queremos facer unha intervención de choque e por iso se enfatiza a madurez dos proxectos nas bases, un concepto (o da madurez) xa introducido nos anos 90 pola Unión Europea”. Ademais recomendoulle ao PP que inste aos seus alcaldes e alcaldesas a elaborar “unha biblioteca de proxectos, porque cando hai ideas claras os proxectos acaban executándose”.

    Carlos Font subliñou que a través de ReacPon Deputación, vanse transformar os servizos e dotacións da institución para a súa modernización, así como para apostar pola sustentabilidade, dixitalización e restauración ambiental. Tamén dotarase de maior investimento ás estradas provinciais e aos concellos, ao Museo de Pontevedra, á restauración medioambiental da xunqueira de Alba, a impulsar o Plan Revitaliza, á mellora enerxética e dixitalización das edificacións provinciais, a promover o emprego, á cohesión social e a cooperación transfronteiriza, á dinamización cultural e deportiva, á implantación do teletraballo e a novos equipamentos en Príncipe Felipe, entre outras cuestións.

    No caso do programa centrado nos concellos, ReacPon Concellos, cuxas bases con criterios obxectivos, transparentes, equitativos, respectando a autonomía local e por concorrencia competitiva tamén foron aprobadas polo equipo de goberno coa abstención do grupo popular, suporá poñer a circular 20 millóns de euros nos concellos de menos de 50.000 habitantes para actuacións de rehabilitación de edificios e instalacións municipais, de nova construción e de mellora de espazos públicos.

    “Trátase dun plan en igualdade para todos os concellos”, destacou Font, con bases totalmente medibles, “para poder valorar os proxectos que opten a financiamento de forma transparente e equitativa”, garantindo dereitos e servizos, loitando contra o despoboamento, fomentando a igualdade no ámbito rural e urbano, impulsando a sustentabilidade, promovendo a dixitalización na prestación de servizos, así como a accesibilidade e espazos e infraestruturas no medio rural. Así, entre os criterios a valorar, teranse en conta cuestións como a madurez do proxecto, a contribución a unha economía descarbonizada, a calidade do proxecto e a contribución das actuacións á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030. Cada concello poderá financiar unha actuación ben sexa de rehabilitación, nova construción ou espazo público ata un máximo do 90 % do Plan Concellos que lle corresponde, e non poderá ter un orzamento inferior a un terzo do mesmo. Amais daráselle prioridade ás rehabilitacións e mellora de espazos públicos con criterios de sustentabilidade e os concellos con menos poboación aportarán menos recursos.

    Amais do plan e das bases, no Pleno tamén se aprobou a financiación do Plan. Deste xeito deuse visto bo a unha operación de crédito a longo prazo e unha modificación dos orzamentos a través de suplementos de crédito. En canto á primeira opción, tal e como manifestou o deputado, “trátase dun endebedamento totalmente asumible porque temos débeda cero, solvencia financeira e sobre todo unha obriga coas veciñas e veciños da provincia: poñer recursos á súa disposición para impulsar o desenvolvemento”. No caso dos suplementos de créditos destinaranse a financiar partidas dirixidas a concellos nun 30 % deste importe.

    COLABORACIÓNS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.

    Fabio Rivas, «A pintura debida»

    Ás veces atopamos sorpresas inesperadas que nos fan sorrir e confiar na saúde da nosa literatura.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    89 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS