Despois do grande éxito da primeira edición, a Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia volveu hoxe luns, 15 de marzo, a abrir as súas portas virtuais ao alumnado, xa que os primeiros obradoiros desenvolveranse de xeito telemático debido ás restricións derivadas da pandemia.
Co título de “Tod@s temos unha historia que contar” a Escola inaugura os cursos deste ano coa escritora Inma López Silva que desenvolverá o seu Obradoiro Literario os días 15 e 22 de marzo; 12,19 e 26 e abril; 3, 10 e 24 de maio. Con 15 alumnos por clase, a docente tamén impartirá outro curso, de maneira telemática, durante oito sesións, os días 17 e 24 de marzo; 14, 21 e 28 de abril; 5, 12 e 19 de maio.
A Escola de Letras oferta este ano un total de 6 cursos moi variados como son, amais dos de López Silva, o Obradoiro de Poesía con Antonio García Teijeiro, o Obradoiro Literario con Anna R. Figueiredo: Escribir unha novela, o Obradoiro Literario con Diego Giráldez e o Obradoiro de Poesía con Elvira Ribeiro Tobío.
Ante a ampla demanda, todos os cursos están completos e con lista de agarda de 60 persoas. Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar, poden escribir a [email protected] para entrar nas listas.