Luns, 13 Xaneiro de 2025

Carmela Silva rexeita participar na apertura de curso 2020 da Academia Xacobea “inaceptable por machista e electoralista”

A presidenta da institución provincial manifesta a súa indignación tras coñecer que a organización non tiña contemplado que empregase a palabra “impedindo que a única muller da mesa presidencial tivese voz”

A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva amosou o rexeitamento a participar mañá, 3 de marzo, ás 18.00 horas, na sesión solemne de apertura de curso 2020 da Academia Xacobea. “Trátase dun acto inaceptable polo seu sesgo machista e electoralista”, indicou Silva, quen tamén amosou a súa indignación tras coñecer que a organización non contemplase que a única muller da mesa presidencial tivera voz.

“Non vou a ir a un acto a sentarme nunha mesa presidencial rodeada de homes que participan activamente mentres eu permanezo calada”, asegurou a presidenta da Deputación. Ademais, para Carmela Silva esta sesión solemne de apertura do curso da Academia Xacobea trátase dun acto electoralista. “A defensa e a promoción do Camiño non entende de cores políticas, nin moito menos de actos electorais” destacou a presidenta quen tamén criticou que se poñan en marcha “eventos para enxalzar a un determinado partido político”.

Por estes motivos, esta mesma mañá Silva remitiu un escrito (que se pode consultar nesta ligazón) dirixido a Jesús Palmou, presidente da Academia Xacobea, para amosar a súa indignación e repulsa. “É unha vergonza que en pleno século XXI sigan a acontecer estes feitos, sigan a organizarse actos misóxinos e absolutamente partidistas e, aínda por riba, impulsados por unha institución como é a Academia Xacobea”.