17.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva, "non teño ningunha dúbida, o mundo local é o gran...

    Carmela Silva, “non teño ningunha dúbida, o mundo local é o gran centro da acción polo clima”

    A presidenta da Deputación de Pontevedra participou na clausura da #COP25 subliñando que "os dous grandes retos do mundo son a loita pola igualdade entre mulleres e homes e a transición ecolóxica"

    A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva participou na clausura do Cume do Clima COP25 onde interveu na mesa de debate ‘Os compromisos internacionais dos gobernos locais’, no marco da xornada ‘Os retos dos gobernos locais fronte ao cambio climático’, que foi inaugurada no IFEMA de Madrid polo Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e polo presidente da FEMP Abel Caballero.

    Silva reivindicou na súa intervención a importancia do local para facerlle fronte á emerxencia climática: “non teño ningunha dúbida, o mundo local é o gran centro da acción polo clima. Os alcaldes, alcaldesas e presidentes e presidentas das deputacións temos algo que non teñen outras administracións: a proximidade, falar de ti a ti cada día coas nosas veciñas e os veciños”.

    Deste xeito, a presidenta subliñou que “a administración local leva moito tempo sendo consciente de que os dous grandes retos económicos, políticos, medioambientais, sociais, culturais do mundo son a loita pola igualdade entre mulleres e homes e a transición ecolóxica. Desde o local estanse a tomar decisións valentes, destinándolle moitos recursos e cun discurso que está calando entre a cidadanía”.

    Ao respecto da Deputación de Pontevedra, a presidenta destacou que estes dous grandes compromisos, adquiridos desde a súa toma de posesión, veñen reflexados nos orzamentos. “O orzamento do 2020 elaborouse tendo en conta os 17 ODS, para cumprir cada unha das súas 167 medidas, moi centradas na igualdade e na transición ecolóxica”.

    Así, Carmela Silva detallou que o primeiro que fixo a institución provincial foi unha auditoría para coñecer o grao de cumprimento dos ODS, “tiñamos que saber de onde partir, e como levábamos dous anos actuando xa neste eido deunos unha porcentaxe moi elevada, o 91 % do cumprimento. O noso obxectivo é chegar ao 100% xa que sabemos que hai unha emerxencia climática, non o podemos negar”.

    Tamén aproveitou a presidenta para sinalar algunhas das actuacións que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra neste eido, como o plan de tratamentos sólidos, baseado na compostaxe e ao que cualificou como “o máis ambicioso que existe no mundo”, os proxectos de mobilidade para recuperar o espazo público para as persoas ou a aposta por produtos de proximidade. “Iniciativas que nos están a permitir construír unha provincia máis amable, onde as persoas son o centro de todo”, subliñou Silva.

    Xunto á presidenta da Deputación, tamén interviñeron na xornada para afondar sobre os retos dos gobernos locais fronte ao cambio climático o alcalde de Sevilla (Juan Espadas), o de Zaragoza (Jorge Azcón), a alcaldesa de Canyelles en Barcelona (Rosa Huguet), o alcalde de Soria (Carlos Martínez) e a alcaldesa de Gijón (Ana González).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.