A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presidiu onte, xunto ás deputadas e aos deputados provinciais a gala dos terceiros Premios Provinciais á Xuventude, presentada pola escritora galega Silvia Pena. No acto, que encheu de mocidade o Salón de Plenos do Pazo provincial, Silva, vestida cun modelo de Miriam Cartagena, alumna de ESDEMGA, como xesto á nova categoría de moda e deseño dos premios, quixo deixar patente o seu optimismo polos proxectos galardonados “cheos de valores, de principios, que mostran esperanza e ilusión. Fronte ao momento actual, cunha sociedade que empeza a ter tintes totalitarios, con xente cavernícola, doutra época, xenófoba, machista, que non entende que o que queremos é construír un mundo mellor, eu son optimista, estou segura que imos cambiar o mundo”, afirmou.
Carmela Silva destacou “o talento que hai na provincia de Pontevedra. Está a acontecer algo extraordinario, hai unha verdadeira revolución cultural e, maiormente, ten nome de muller. Estou encantada de que sexa así”. Neste eido a presidenta engadiu que “temos moita creatividade e capacidade para facer fronte ás dificultades, como así o deixaron constar as 17 mozas e 12 mozos que hoxe foron premiados”. A presidenta recolleu o pesar de todas elas e todos eles cando afirmaron que “son tempos difíciles para crear” e fixo un chamamento para potenciar o talento: “o que fai grande ás sociedades é a creatividade. O ser humano é un ser creativo e por iso a humanidade é tan marabillosa, así que estes premios son unha obriga para nós, para visibilizar todo o que se está poñendo en marcha na provincia”.
Neste eido Silva tivo palabras para Nee Barros, autor dun dos vídeos que se proxectaron na gala, ao que lle pediu que se “multiplicase”. “Precisamos unha sociedade onde a xente moza e diversa rache cun mundo que non respecta o noso planeta, que está moi enfermo e non lle podemos poñer xa máis tiritas, senón que temos que facer unha operación de cambio total. Está nas vosas mans e estades a facelo con valentía, coa alegría da mocidade. Non deixedes que ninguén apague esas ganas e forma de intentar cambiar o mundo”, destacou a presidenta.
Tamén tivo se detivo en Miriam Cartagena, a alumna de ESDEMGA que deseñou o modelo que Carmela Silva luciu durante a gala. “Trátase dun modelo espectacular deseñado por una nova deseñadora, e é totalmente sustentable, feito de xeito artesanal e a man”.
[su_slider source=”media: 9180,9179,9177,9176,9175,9174,9173,9172,9171,9170,9169″ link=”lightbox” height=”400″ centered=”no” autoplay=”8000″ speed=”800″][su_slider source=”media: 9169,9170,9171,9172,9173,9174,9180,9179,9177,9176,9175″ link=”lightbox” height=”400″ centered=”no” autoplay=”8000″ speed=”800″]
Pola súa banda a presentadora, Silva Pena, que clausurou a Gala recitando un dos seus poemas, enxalzou a importancia dos Premios da Xuventude da Deputación de Pontevedra para impulsar “o interior das cabezas da mocidade, o talento, a creatividade, o traballo pero tamén o compromiso dos máis novos” . Neste eido, este ano, a principal novidade dos galardóns, elaborados pola Escola de Cantería da institución provincial, foi a inclusión dunha modalidade nova, a de deseño e moda.
Polo miúdo, na categoría de ‘Iniciativa social’ o primeiro premio foi para ArteCalavera S.C. (Pontevedra), gran triunfadora da tarde con catro galardóns, polo seu proxecto ‘Voces Ocultas’, nado da necesidade de romper co prefixo ‘dis’. Nesta modalidade o segundo premio foi concedido ex aequo á Asociación 85C (Vigo) e á Asociación Xuvenil Lazoiro (Salvaterra do Miño).
En ‘Iniciativa Empresarial’ o primeiro premio foi para “ArteCalavera S.C.” (Pontevedra) polo proxecto Estudio Bonobo, fundada coa motivación de buscar unha alternativa formativa no campo das artes e da creatividade, co obxectivo de crear proxectos de carácter social que contribúan ao desenvolvemento cultural e persoal da cidade de Pontevedra e arredores.
Na modalidade de ‘Educación en Valores’ gañou o alumnado de 1º e 4º da ESO do IES Illa de Ons (Bueu) polo proxecto “Miserábeis”, centro interdisciplinar a partir do teatro musical como procedemento para educar en igualdade e nas competencias clave de carácter intelectual e socio-emocional.
Pola súa banda, en ‘Contido Dixital’, o primeiro premio quedou deserto por decisión do xurado e o segundo foi para ArteCalavera S.C. (Pontevedra) polo proxecto Bonobo Live Sessions.
En canto a ‘Traballo Musical’, na modalidade de música clásica, o primeiro premio foi para Nuria Casa Suárez (Pontevedra) por ‘Suite Neo Clasique 1: Prelude’ e o segundo para Sara Mínguez (Vigo) por ‘El Jardín Flotante: Preludio, La Creación’. Pola súa parte, na modalidade adiada a outros xéneros musicais o primeiro premio foi para ArteCalavera S.C. (Pontevedra) por ‘A Miña Maneira’ e o segundo para Héctor Rodríguez, Ángela Álvarez, Sara Ariadna Álvarez, Jairo Daponte e Diego Maya (Moaña, Cangas, Mos e Tomiño) por ‘Fantasy World’, e para Carlos Morales (Mos) por ‘Disorder 4: Empty’.
En ‘Traballo literario’, o primeiro premio foi para Brais Suárez González (Vigo) por ‘Murmansk, viaje al final del día’, e o segundo para María José Argibay (Ponte Caldelas) por ‘Eu quería fregar’. En poesía, o primeiro Rebeca López Vilar (Vigo) por ‘Antracita en los Pómulos’ e o segundo para Belén Viéitez Ferradáns (Moraña) por ‘Ourizo’.
En ‘Fotografía’ a categoría tamén estaba dividida en dous subgrupos, ‘serie fotográfica’ e ‘fotografía’. A serie fotográfica gañadora foi a presentada por Claudia Gómez (Pontevedra), co título ‘Os ollos da rúa’, e o segundo premio é para Iago Manoel Souto (Ponte Caldelas) por ‘A realidade paralela’ e para Helena Constela Lorenzo (Poio) por ‘Estelas’. En canto á fotografía o primeiro premio é para Rosa Pardal Aragunde (Valga) por “’Habitación Nº E’, e o segundo é para a dobre premiada Helena Constela, nesta ocasión por ‘Hora de Xantar’”.
Por último, en ‘Deseño e Moda’ o primeiro premio foi para Ángel López Pérez (Marín) por ‘Los Mensajeros’, cunha mensaxe esperanzadora respecto á tecnoloxía.
Xunto á mocidade premiada, tamén tiveron un rol protagonista na gala o cantante Pablo Lesuit, que ten colaborado con artistas como Jorge Drexler, e Nee Barros, estudante e coorganizador da manifestación pola defensa climática de setembro, que elaborou un vídeo con imaxes e mensaxes sobre os ODS que se puido visualizar ao comezo da gala dos III Premios da Xuventude da Deputación de Pontevedra.