Domingo, 4 Maio de 2025

Carmela Silva, na sesión constitutiva da Comisión de Deputación Provinciais da FEMP

“As propostas nas que hoxe avanzamos en Madrid van en clara sintonía coas políticas que estamos a impulsar dende a Deputación de Pontevedra”, asegurou Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou hoxe en Madrid na reunión constitutiva da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e consellos insulares da FEMP, na que o despoboamento, o financiamento das administracións locais e a visibilidade das entidades locais intermedias foron os principais eixos de traballo da xornada.

Silva, que novamente forma parte da Comisión, subliñou que “as propostas nas que hoxe avanzamos en Madrid van en clara sintonía coa políticas que estamos a impulsar dende a Deputación de Pontevedra”. Sobre a loita contra o despoboamento do rural, a presidenta adiantou que a Comisión vai traballar no impulso de medidas para afrontar esta situación e articular a participación das entidades locais na elaboración por parte do Goberno da Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico.

A Comisión de Deputacións da FEMP tamén vai apostar por visibilizar o papel das institucións locais intermedias, ben en canto á definición do seu marco competencial, ben poñendo de manifesto que, ao igual que o resto de administracións locais, dan cumprimento ás esixencias derivadas do novo marco de estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financieira. Relacionado con estas cuestións tamén se afondou na reclamación de participación dos gobernos locais no deseño, programación e execución dos fondos europeos e se instou á unha adecuada financiación dos plans provinciais de cooperación local.

Finalmente, na reunión en Madrid formulouse a problemática derivada da taxa de reposición de efectivos nas administracións locais intermedias, que está a xerar unha redución da calidade da prestación dos servizos públicos, e na dixitalización, subliñando a necesidade de traballar conxuntamente para definir, impulsar e coordinar modelos de prestación de servizos electrónicos.