Sábado, 3 Maio de 2025

Carmela Silva insta a Feijóo a convocar ás deputacións para adoptar medidas ante as previsión sobre o pico da pandemia

Silva: “este anunciado repunte obriganos a ter a máxima información posible para poder avaliar adecuadamente a situación e poder tomar decisións de forma anticipada”

Ante as novas previsións da Xunta de Galicia sobre a evolución da crise sanitaria na comunidade autónoma, que situarían o pico da pandemia ao longo deste mes de abril, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, instou hoxe ao presidente Feijoo a que convoque telematicamente, no prazo máis breve posible, ás catro deputacións galegas “para que, ante estas previsións, as administracións provinciais, que traballan e coñecen o día a día dos seus territorios, poidan anticiparse en tomar as decisións e novas medidas que correspondan”.

Nunha carta que remitiu ao presidente galego, “co ánimo e co afán de cooperación”, a presidenta provincial trasladou a preocupación, inquietudes e temores que moitas familias, concellos, persoal sanitario, de atención a maiores, ou de Ong, están a achegar á Deputación de Pontevedra en relación coa pandemia do COVID19. Na misiva, Silva lembra a Feijoo que, como administracións públicas de ámbito provincial, “este anunciado repunte nos obriga a ter a máxima información posible sobre os nosos territorios, para poder avaliar adecuadamente a situación e poder tomar decisións de forma anticipada. É fundamental, sinala, coñecer, se existen, os plans de continxencia autonómicos para UCIs , hospitais e centros de maiores, que son neste momento as grandes preocupacións que temos e que se nos trasladan”.

Neste sentido, Carmela Silva apelou ao presidente da Xunta a dar respostas acertadas, “e sobre todo coordinadas”, ante o incremento da incerteza social, unha vez coñecida a información ofrecida polo executivo autonómico sobre a maior virulencia do virus. “É por iso, engade, que para aportar información fiable gustaríanos que estudases a posibilidade de convocar vía telemática as catro Deputacións galegas para que nos poidas trasladar información e así poder ter respostas que permitan mensaxes unitarias sobre as medidas que está a adoptar a Administración Autonómica, que é a que ten as competencias en sanidade, dependencia e política social”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra remata o seu escrito mostrando unha vez máis “o noso afán de colaboración e expresar que consideramos que é imprescindible que o Presidente de todas as galegas e galegos lidere unha información transparente e marque as liñas de coordinación de todas as administracións públicas, para transmitir tranquilidade ao conxunto da cidadanía”.