Sábado, 3 Maio de 2025

Carmela Silva enxalza o “grande talento e compromiso” da mocidade e da provincia no fallo do primeiro concurso ‘Reacción polo Clima’

Manuel Albariñas, de Marín, álzase co primeiro premio por '(IN)CONSCIENTE', “unha peza impactante, que nos fai reflexionar, que nos toca e posiciona fronte ao que estamos a facer co planeta”

“¡Que talento temos nesta provincia!” asegurou Carmela Silva ao dar a coñecer o fallo do primeiro certame audiovisual “Reacción polo clima”. A presidenta da Deputación de Pontevedra, mostrou o seu orgullo polo grande nivel dos audiovisuais presentados e polo “grande compromiso” da mocidade da provincia. Manuel Albariñas e Yago Rodríguez, de Marín, álzanse co primeiro premio por (IN)CONSCIENTE, unha peza “impactante, que nos fai reflexionar, que nos toca e posiciona fronte ao que estamos a facer co planeta”. Pola súa banda Carmen Villanueva, de Silleda, e Ana Isabel González, de Vigo, acadaron o segundo e terceiro premio polos audiovisuais O cambio climático, non pases de largo e Pequenos xestos, grandes cambios.

Con ‘Reacción polo clima’ buscábase premiar aos mellores traballos audiovisuais inéditos, dun máximo de 5 minutos, centrados, tal e como asegurou a presidenta da Deputación, “na loita contra o cambio climático, potenciando o talento, empoderando á xuventude e visibilizando as súas reivindicacións”. En total presentáronse á primeira edición do concurso oito persoas, catro mulleres e catro homes, procedentes de A Guarda, Lalín, Marín, Mos, Silleda e Vigo. O primeiro premio, de 1.000 €, recalou en Manuel Albariñas, de Marín e nado no 2011, que presentou “(IN)CONSCIENTE” unha peza de “grande calidade, na que destaca o papel da imaxe e a técnica empregada, así como a súa innovación, a interpretación, a mensaxe e as localizacións, que combinan imaxes de costa con bosques da provincia de Pontevedra”, informou a presidenta.

O segundo premio, que ascende a 600 €, foi para Carmen Villanueva Ansedes, de Silleda e nada no 1996, por O cambio climático, non pases de largo unha peza que destaca, tal e como explicou Silva, pola súa “orixinalidade e mensaxe, así como polo feito de empregar como técnica o stop motion, protagonizada por figuriñas de playmobil”. Pola súa banda o terceiro premio, por valor de 400 €, recalou en Ana Isabel González Vieites, de Vigo e nada no 1994, por Pequenos xestos, grandes cambios. Neste caso o xurado valorou a participación do alumnado do Colegio Marcote na peza e a mensaxe que transmite, centrada nos ODS da Axenda 2030.

‘Reacción polo clima’ lanzouse por primeira vez con motivo do Día Internacional contra o Cambio Climático (24 de outubro) e co obxectivo de implicar á xuventude da provincia que xoga, rematou a presidenta, “un papel fundamental e son a grande revolución, a oportunidade que temos para salvar o planeta de actividades humanas que temos que rexeitar”.