14.7 C
Pontevedra
Sábado, 11 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva: “As violencias machistas non son unha enfermidade, nacen dun sistema...

    Carmela Silva: “As violencias machistas non son unha enfermidade, nacen dun sistema no que as mulleres viven subordinadas aos que dominan”

    #25N a praza da Peregrina tínguese de reivindicación co pranto e o berro de liberdade das mulleres contra as violencias machistas

    A angustia, o pranto e a dor das mulleres que sufriron e sofren as violencias machistas tomou corpo hoxe na desgarradora acción artística que a bailarina e coreógrafa Janet Novás desenvolveu na praza da Peregrina como arranque das actividades de reivindicación do 25N da Deputación de Pontevedra. Un acto conxunto co Concello no que, tanto a propia artista como a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, quixeron lanzar un berro “alto e claro” fronte aos silencios para clamar polo fin desta lacra, ao igual que a xornalista Sara Vila, que leu un manifesto con motivo da xornada. Xunto a eles e elas participaron deputadas e deputados provinciais, así como concelleiros e concelleiras do municipio pontevedrés.

    A de Janet Novás é a primeira das 25 accións do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” que se realizarán en toda a provincia, como destacou a comisaria, Paula Cabaleiro. A artista do Porriño partiu da interpretación da canción “Feelings” para amosar nunha rompedora e dramática coreografía, aos pés da Peregrina, a escuridade da violencia machista escenificada tamén nas súas bágoas de cor negra. Coa música de Sergei Rachmaninoff, Novás foi tomando os distintos espazos da escalinata do Santuario nun berro desesperado, pero cun final esperanzador. “Hai que berrar ben alto –dixo- para que se nos escoite e se escoite a todas as mulleres que están a sufrir violencia nas súas casas e máis nestes momentos. Para min este é un berro de liberdade, un berro de forza, un berro para que se escoite e se saiba que non están soas. Se nós escoitamos estaremos aí”.

    Na súa intervención, a presidenta Carmela Silva quixo incidir en que a violencia que sofren as mulleres “non é unha enfermidade nin unha pandemia, e os machistas asasinos non son enfermos”. “A violencia machista –engadiu-, nace de que a metade da poboación, as mulleres, vivimos subordinadas á metade que domina. Nace do feito de que non vivimos nun espazo de igualdade. E cando nos empoderamos e non admitimos a subordinación, hai unha forma de dominación para que volvamos ao rego, que é a violencia”. Un feito que amosan, como citou, os datos das 41 asasinadas este ano en España, as 1.074 desde que hai estatísticas no país ou os 243 millóns de mulleres e nenas que sufriron violencia no mundo no último ano. “Hai que cambiar o sistema social no que vivimos –apuntou–. As mulleres esiximos o que nos corresponde, a metade de todo. Xa non soportamos máis as violencias e non cremos nos silencios”. De aí accións como este programa de visibilización das mulleres artistas de Galicia para “levar a todos os recunchos este grito pola igualdade, que é o máis fermoso, e o que merece máis a pena”.

    “Remataremos coa violencia –avanzou a presidenta–, non teño ningunha dubida. Este é un canto de esperanza desde a indignación, porque a sociedade é cada día mellor, e por iso se erguerá cada día máis forte, mulleres e homes loitando contra os asasinatos de mulleres e denunciando aos asasinos. Hai que poñer o rostro neles, nos que asasinan. A sociedade os despreza”.

    Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, insistiu na necesidade de que a violencia machista non sexa “tratada como un problema de segunda orde” pola Covid, “porque con ou sen pandemia, a violencia é unha lacra para o conxunto da sociedade, non só para as mulleres que a padecen, e que siga existindo avergóñanos e indígnanos a partes iguais”. Incidiu na situación das mulleres “atrapadas nos seus fogares cos seus maltratadores, máis illadas ca nunca e con dificultades para acceder a espazos seguros”. Lores subliñou o feito de celebrar accións como ‘Violencia Zero’ nos espazos públicos para converter esta loita “en algo tanxible e colectivo” e que vai na liña da filosofía da cidade pontevedresa respecto deste espazo “onde relacionarnos e vivir en igualdade”. E rematou afirmando que esta é una loita colectiva “coa esperanza de que algún día as fillas das nosas fillas non teñan que seguir marcando o 25N no calendario”.

    No acto intervino a xornalista Sara Vila, que leu un manifesto da súa autoría no que amais de subliñar que “estamos fartas de minutos de silencio”, lembrou que “non hai oco para os maltratadores nin para os seus cómplices no mundo que queremos construír. Están sós”. “Protexernos dun virus non debe facer que nos esquezamos destoutra lacra que leva séculos, milenios, matándonos. Hoxe estou aquí para reclamar por todas as miñas compañeiras, e tamén por min, algo tan básico como o noso dereito a vivir”. Vila insistiu na necesaria colaboración dos homes na loita pola igualdade e en que é preciso ofrecerlles ás nenas “modelos de mulleres independentes e de relacións igualitarias”. “O que pedimos é tan sinxelo que nin sequera cómpre perder o tempo explicándollelo aos que non o queren entender. Queremos vivir en paz”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.