Sábado, 3 Maio de 2025

As “rutas de arquitectura” da Deputación ofrecen rutas por dez concellos da provincia

Haberá un total de 100 prazas, 25 por cada un dos roteiros, que se poden reservar no enderezo electrónico [email protected]

Os pazos, mosteiros, as construcións civís, castrenses e relixiosas da provincia, son os protagonistas das Rutas de Arquitectura cos que a Deputación de Pontevedra pon en marcha para difundir o noso patrimonio en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes. Nesta edición serán catro as andainas previstas, que percorrerán espazos de dez concellos da provincia e que se celebrarán os sábados pola mañá do 18 de setembro ao 9 de outubro, cun total de 100 prazas.

Cada un dos catro itinerarios, que se celebrarán en horario de 10 a 13.30 horas, contará con 25 prazas e terá como guías ás doutoras en Arquitectura Estefanía López e Luz Paz. Para participar é precisa a inscrición previa, que xa pode realizarse no enderezo electrónico [email protected], indicando cal é a ruta escollida, os nomes das persoas participantes (máximo de 4 por reserva) e un teléfono de contacto. 

Os percorridos arrancarán o 18 de setembro coa ruta por Pontevedra e Poio que tivo que suspenderse o pasado ano por mor da Covid, e que conducirá Estefanía López. Nela, as persoas participantes visitarán as Ruínas de San Domingos, pazos urbanos e as igrexas da Peregrina e San Bartolomé en Pontevedra, así como o Mosteiro de Poio.

A segunda das andainas desenvolverase o 25 de setembro na comarca do Baixo Miño, onde tamén Estefanía López guiará este percorrido polo Mosteiro de Santa María de Oia, a igrexa de Santa María e o Castelo de Santa Cruz no concello da Guarda e a Fortaleza de San Lorenzo de Goián en Tomiño.

Doutra banda, Luz Paz ofrecerá as explicacións da ruta que terá lugar o 2 de outubro pola comarca de Caldas, nos concellos de Moraña e Catoira. Nel visitaranse o Santuario dos Milagres de Amil (Moraña), e as Torres do Oeste, a ermita e a carballeira de San Cibrán de Dimo en Catoira. Por último, o 9 de outubro a mesma guía conducirá a ruta por espazos patrimoniais na comarca do Salnés. Partirá do Mosteiro da Armenteira (Meis) e continuará pola Igrexa de Santa María de Dozo (Cambados) e o Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia).

O desenvolvemento destes percorridos estará guiado por un estrito protocolo con tódalas medidas de seguridade e garantías sanitarias e será obrigatorio o uso de máscara.