O Goberno da Deputación vén de adxudicar as accións do programa de igualdade “Conectadas”, que este 2022 chegarán a un total de 188 entidades da provincia. A través desta iniciativa, as entidades poderán programar cursos co obxectivo de mellorar a formación das mulleres, intercambiar experiencias, así como mellorar a súa empregabilidade e crear redes para potenciar o asociacionismo. “Conectadas” é un dos programas con maior participación social dos que organiza a Deputación e desde 2016 ao 2019 participaron preto de 20.000 mulleres nas 1.370 accións realizadas nese período. Neste 2022 a iniciativa volve despois dun parón de dous anos pola pandemia.
Cada unha das 188 asociacións programará unha das 30 accións formativas ofrecidas desde este programa, agrupadas en cinco bloques temáticos: “Emprende: iniciativas sostibles para o Emprego”; “ExpresARTE”; “Conéctate”; “Sementa Sostibilidade” e “O teu momento. Coidado e benestar”. Son actividades moi diversas, que inclúen cursos de formación como administradoras de redes sociais, de alfabetización dixital ou de administración entre outros, e serán de carácter gratuíto para as participantes.
As entidades beneficiarias son de 49 concellos da provincia, a maioría delas de Vigo (29), seguidas das da Estrada (13), Lalín (12), Mos (10) e Pontevedra (9). Amais, hai colectivos de Arbo (2), Baiona (2), Barro (1), Bueu (2), Caldas de Reis (5), Cambados (2), Campo Lameiro (2), Cangas (5), Catoira (1), Cerdedo-Cotobade (3), Covelo (1), Crecente (1), Dozón (1), Fornelos (1), Gondomar (3), O Grove (4), A Guarda (3), A Illa (1), A Lama (7), Marín (4), Meaño (1), Meis (1), Moaña (2), Mondariz (1), Moraña (1), Nigrán (2), Oia (2), Pazos de Borbén (1), Ponte Caldelas (5), Ponteareas (6), Portas (1), Redondela (5), O Rosal (2), Salceda de Caselas (5), Sanxenxo (1), Silleda (7), Soutomaior (3), Tomiño (1), Tui (1), Valga (2), Vila de Cruces (1), Vilaboa (1), Vilagarcía (7), Vilanova (5). A Deputación destina ao programa “Conectadas” un orzamento de 314.116 €.