Domingo, 4 Maio de 2025

Areeiro reitera a necesidade de revisar as viñas para comprobar o estado do mildio

O persoal técnico da EFA ten observado tamén os primeiros acios con síntomas de oídio e recomenda a vixilancia da bolboreta do buxo

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, lanza un novo aviso fitosanitario no que volve a facer fincapé na necesidade de revisar as viñas o máis a miúdo posible en busca de mildio, sobre todo ante os pronósticos meteorolóxicos que presaxian tormentas e precipitacións.

O persoal técnico do Centro asegura que a meteoroloxía dos últimos días non foi especialmente favorable para o desenvolvemento da enfermidade pero recibiu numerosas informacións que afirman que está a aparecer mildio nos acios, o que acrecenta a necesidade de revisar as viñas.

Primeiras postas Cydalima

Doutra banda, o persoal técnico do Centro xa ten observado os primeiros acios con síntomas de oídio, sobre todo nos predios tratados previamente con xofre e cunha frondosidade elevada. Para combater o oídio o persoal técnico recomenda os tratamentos con funxicidas antioídio que non sexan de contacto.

Do mesmo xeito, non se observan avances no black rot e dende o Centro seguen a recollerse machos doutros parásitos de viña e incuso a atopar algún glomérulo de Lobesia así como viñas con síntomas leves de erinosa de verán. No que respecta á bolboreta do buxo, o persoal da EFA atopou as primeiras postas, aínda que moi testemuñais, de Cydalima perspectalis, e prevé unha maior proporción de postas e mesmo as primeiras eclosións de ovos, polo que recomenda que incrementar a vixilancia.