Domingo, 4 Maio de 2025

Areeiro recomenda volver intervir nas viñas unha vez pasen os días de choiva

A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda realizar unha nova intervención nas viñas contra o mildio unha vez rematen estes días de choiva, en caso de que non se teñan renovado ata o momento os tratamentos contra este patóxeno. Tamén advirte da presenza da bolboreta do buxo e no caso da avelaíña das maceiras recomenda a instalación de trampas para realizar tratamentos en función das capturas.

As viñas, segundo sinala o aviso, presentan un estado fenolóxico de acios visibles, e o persoal do centro sinala que trala aparición a semana pasada das primeiras manchas de mildio en todas as comarcas e en case todos os predios, a maioría xa foron obxecto de tratamento. Esta semana, en xeral, non se teñen incrementado o número de manchas e estas estaban case curadas ou en fase de curación, aínda que tamén se observou algunha mancha aínda sen curar e algún que outro acio afectado. Diante das previsións meteorolóxicas, que anuncian precipitacións e temperaturas mínimas elevadas, condicións favorables ao patóxeno, Areeiro sinala que, en caso de non ter feito a renovación dos tratamentos, débese realizar unha nova intervención inmediatamente despois dos días de choiva, pois as choivas reducen o período de protección dos  produtos.

Sinala tamén que ao igual que todos os anos a principios de campaña, hai síntomas de erinose en case todas as viñas, que non é preciso tratar, e tamén síntomas evidentes, neste caso nalgúns predios, de ataque de caracois.  O centro tamén se refire a outros cultivos, como a maceira e advirte da presenza da avelaíña, e sinala que as poboacións desta praga poden variar entre predios aínda que estean próximos. Por este motivo, Areeiro recomenda a instalación de trampas en cada un para tratar segundo as capturas que se teñan e así evitar que haxa mazás con eirugas.

Así mesmo, lembra que nestes momentos as eirugas da bolboreta do buxo están ben desenvolvidas e, onde non se fixeron tratamentos, están a defoliar vorazmente o buxo. Tamén xa se observan crisálides nas sebes non tratadas.