Domingo, 4 Maio de 2025

Areeiro aconsella renovar as intervencións nas viñas contra o oídio e o mildio

O centro dependente da Deputación destaca o cambio das condicións metrolóxicas como un factor chave na aparición de novas infeccións

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que alerta que as condicións meteorolóxicas que se veñen dando dende a noite do sábado, coa aparición das denominadas “néboas de advección”, favorecen a novas infeccións de mildio así como de black rot naquelas viñas nas que xa está presente.

Ademais, debido ao carácter miúdo do orballo que pode formarse, o persoal da EFA tamén avisa de que pode aparecer oídio nas viñas. Dende a Estación recomendan que para combater estas infeccións se renoven as intervencións naquelas viñas que non están ben protexidas.

Aspecto gromo terminal testemuña a primeira hora da mañá

Este novo aviso chega tras o cambio nas condicións meteorolóxicas que se produciu esta fin de semana xa que o venres pasado, cando non se prevían novas precipitacións no que restaba de mes, todo apuntaba a que a estabilidade no tempo axudaría a manter os acios sans e que acadasen o estado non susceptible (o pintado) sen maiores problemas.