A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella manter o máximo nivel de alerta ante o mildio, posto que están a aparecer as primeiras manchas nas follas dos gromos sen protexer. Por este motivo é importante renovar os tratamentos amais da vixilancia periódica das viñas que é fundamental neste momento para frear posibles focos non controlados da enfermidade. Do mesmo xeito, dende Areeiro lembran que as labores culturais que facilitan a aireación dos acios, como despuntes, esfollas ou rozas, son medidas preventivas imprescindibles contra o mildio.

O persoal da Estación Fitopatolóxica Areeiro advirte que a climatoloxia dos últimos días foi favorable á aparición de síntomas de oídio e incluso xa os observou nalgúns acios. Polo tanto, débese seguir con atención á evolución da enfermidade. Por outra banda, non se atoparon cambios na situación do black rot nin síntomas de botrite. En canto a outros parasitos da viña, non se atoparon sinais de Lobesia e as capturas de cicadelidos aumentaron moi lixeiramente. Porén, nalgunhas viñas a presenza de gromos con síntomas de erinose de verán aumentou de xeito significativo.
No que respecta ao buxo a incidencia das eirugas comeza a ser máis evidente polo que dende Areeiro aconsellan manter unha vixilancia constante, sobre todo á saída da situación de inestabilidade climática prevista cara finais da próxima semana.