18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAreeiro aconsella manter a vixiancia da brotite ata a vendima

    Areeiro aconsella manter a vixiancia da brotite ata a vendima

    O centro dependente da Deputación recomenda aproveitar estes días para limpar os acios máis danados polo mildio para gañar tempo para a colleita e evitar a posible instalación da botrite

    A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar o último aviso fitosanitario previo á vendima (cuxo inicio está previsto en principio na semana do 6 ao 13 de setembro) no que fai referencia á botrite, o mildio e o oídio das viñas. Neste senso, o aviso da EFA sinala que aínda que esta semana apenas se detectou a presenza de botrite, este fungo pode afectar aos acios ata o mesmo momento da colleita, polo que recomenda manter a vixilancia e asegurar unha boa ventilación das plantas se ata a recollida da uva hai precipitacións ou calquera outra circunstancia que poida beneficiar ao patóxeno.

    Mildio

    Respecto ao mildio, Areeiro destaca que esta semana detectáronse síntomas novos en plantas abandonadas e outras que levaban tempo sen tratar, e aínda que as previsións meteorolóxicas de choivas reducidas previstas para os vindeiros días non deberían ter consecuencias negativas para a vendima, recomenda aproveitar estas xornadas para limpar os acios máis danados co fin de gañar tempo para a colleita e evitar a posible instalación da botrite. En calquera caso, nos predios con elevada presenza de manchas, a EFA sinala que será conveniente aplicar un tratamento cúprico despois da vendima, en calquera momento antes da caída da folla, para reducir o inóculo para a próxima campaña.

    Por outra banda, no que se refire ao oídio, a Estación sinala que non se detectaron esta semana variacións na sintomatoloxía respecto á anterior. Por iso, ao igual que co mildio, recomenda que naqueles predios que presenten máis síntomas será conveniente aplicar unha intervención trala recollida da uva, antes da caída de follas.

    No caso da avelaíña do acio, descenderon as capturas de Lobesia botrana e as postas seguen a ser testimoniais, e no dos insectos cicadelidos houbo nalgún predio un incremento das capturas, aínda que sen maiores consecuencias. Areeiro indica a este respecto que moita da sintomatoloxía que se asocia aos cicadelidos non é específica do insecto, senón que pode deberse a causas abióticas, frecuentes nestas alturas de campaña. Tamén advirte a EFA de que amais da presenza de plantas con síntomas de estrés hídrico e de enfermidades da madeira, observouse unha planta cun forte ataque de trips nos gromos terminais.

    Por último, o aviso de Areeiro refírese tamén a outros cultivos, como a maceira e o buxo. No primeiro caso, é o momento para instalar as bandas-trampa de cartón nas maceiras para capturar as eirugas da avelaíña da mazá cando vaian a invernar, e que deben ser eliminadas e destruídas xa en outono-inverno. Respecto á Cydalima perspectalis, a bolboreta do buxo, a EFA recomenda manter a vixilancia das plantas, xa que aínda que a situación máis común está a ser a brotación, pode haber diferentes situacións.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.